Opinión

Unha sociedade sen referentes

A sociedade actual, dende hai un tempo, camiña un tanto desnortada, pois a vida cotián amosa a falla de referentes sociais, persoas que pola forma de actuar son modelos a imitar pola cidadanía. Ben sei que, cando no 1976 pasamos da ditadura á democracia fixémolo con virtudes pero ateigados de defectos herdados. Víñamos dunha época ditatorial, reprimida e moi distinta á actual. E así pasamos dunha sociedade gobernada sen contar coa xente a outra na que a forma de vida é diferente pois os cidadáns son os protagonistas.

Pasados moitos anos de democracia, a pregunta sería: cantas cousas mudaron dende os anos setenta do século pasado ate hoxe? A resposta é clara: moitas. Positivas: a maioría. Mencionarei algunhas: mudaron as formas de relacionarse socialmente; mudaron as relacións económicas e laborais; mudou o modelo de familia, pois apareceron outras formas de convivencia; mudou, debido ós avances científicos, a maneira de procreación; mudaron formas de divertirse e de xogar; mudaron as relacións dos gobernados coas institucións; mudaron as formas de protestar, reivindicar e tamén de comunicarse pois, coas novas tecnoloxías, as noticias conéctannos cos lugares máis lonxanos do planeta; mudaron as relacións co feito relixioso e a forma de ver ós seus representantes así como a súa labor na sociedade. Mudaron e melloraron os servizos públicos, etc. Son moitas as cousas que mudaron. Quizais a que menos mudou foi a devoción polo deporta rei: o fútbol, pois daquela o Madrid e o Barça xa eran os reis do mambo.

Pois ben, nunha sociedade na que todo se move, e á que moitos denominan como sociedade líquida e cambiante, a ausencia de referentes éticos e morais claros de persoas que pola forma de actuar marcan camiño e formas de comportarse, déixanos a todos sumidos nun certo desamparo e incerteza, déixanos sen un rumbo claro. Por iso preguntamos: cara onde camiñamos? Cara que modelo de sociedade?

Se hoxe buscamos referentes na política, atopamos corrupción, caciquismo, espolio da cousa pública e mesmo delincuencia organizada. Exemplos temos dabondo no Estado. Se miramos para a Igrexa e tomamos como referencia ó Sr. Rouco, ou coñecemos os abusos e pecados que agochan membros da mesma, sentimos decepción e tristura. Se miramos cara o mundo do deporte percibimos negocio e adoración do ego en base exclusivamente ós cartos. Se miramos cara a política internacional percibimos as grandes desigualdades, fame, emigración, traxedias e guerras provocadas por intereses económicos ou polo fanatismo relixioso.

Vivimos un tempo sen referentes éticos claros na sociedade occidental, e ise motivo trae moito desacougo. A día de hoxe, case todo é relativo e esta condicionado polos valores da economía especulativa e da depredación do planeta. Todo está condicionado pola ambición desmesurada que non nos permite ver máis alá do noso arredor.

Despois de mais de corenta anos vivimos nunha sociedade democrática na que houbo moitas melloras sociais, se a comparamos coa dos anos setenta. Pero o individualismo promocionado en base a liberdade individual, a corrupción e o consumismo sen límites estanos levando cara unha deshumanización permanente na que o colectivo cada día ten menos valor; na que o planeta e o medio natural nada importa; na que a persoa é un número nunha estadística. Por iso afirmo, que hoxe é necesario unha fonda reflexión en base a valores éticos que melloren a vida nas sociedades modernas, para mirar ó futuro con certa esperanza. Por tal motivo, agora máis que nunca, son necesarios os referentes sociais.

Te puede interesar