Opinión

Unha sociedade sen referentes

Todas as sociedades tiveron e teñen os seus ídolos. Todas teñen os seus referentes políticos, éticos e tamén relixiosos. Pero, a estas alturas do século XXI, no mundo occidental, e si cabe máis no país que nos tocou vivir, camiñamos sen referentes en case todos os eidos. Pero onde máis se nota a falla é no campo da ética e da política.

O mundo económico liberal impuxo a súa única teoría, que non é outra que aquela que xustifica calquera acción humana en función de se é rendible economicamente ou non. A economía domínao todo, cuestión que non sería mala se se ativera a algúns regulamentos éticos, cousa que non parece posible nos tempos da globalización.

A humanidade está chea de ídolos de todo tipo; deportistas de elite, xentes de diversas profesións, políticos e predicadores que nos engaiolan, pero que non son referentes duradeiros e estables que lle proporcionen a base social obxectivos claros para asentar valores e construír un mundo mellor. A idea de que todo é relativo segundo o cristal polo que se mire, e que todo é corruptible asentouse na nosas mentes e mesmo parece que veu para quedarse definitivamente.

A transición política, por ser máis unha cuestión pactada e ó non ter unha ruptura co pasado, non trouxo unha ética posible e desexable que acompañara á nacente democracia. E este novo réxime nacido do pacto camiñou arrastrando os mesmos defectos e corruptelas que había no réxime anterior. Corruptelas coñecidas pero que se calaban. Logo veu unha época de medre e aumento de servizos que durou bastante tempo, e chegou a época con máis corrupción coñecida da nosa historia recente. Agora, en tempo das vacas fracas, decatámonos que somos unha sociedade chea de defectos, pois o que xa era hai anos “vox pópuli” saíu a luz, cuestión que non avergoña a unha parte importante da sociedade.

A día de hoxe temos dirixentes políticos que parecían estrelas e guieiros seguros, caeron; monarcas e demais familiares tocados todos polas corruptelas e o bo vivir, cando tiñan que ser un modelo de xente diante os gobernados; banqueiros corruptos; empresarios, non todos, sen escrúpulos, e para rematar o tema, a nosa Igrexa en loita contra as ideas limpadoras e reformadoras do papa Francisco. Parece que ninguén se quere baixar do cabalo do poder. Ninguén quere perder a boa vida. Isto afecta tamén os chamados príncipes da Igrexa que viven no medio do boato e ó marxe da realidade e da pobreza social que predican en nome de Cristo.

Pois ben, agora que todos os referentes están tocados pola negrura da sospeita e non son o que parece, pois viven facendo unha cousa mentres proclaman outra totalmente distinta; monarcas que viviron de rendas por gozaren de privilexios, amparados na inviolabilidade e onde todo valía para acadar favores e regalías; políticos que aceptan mordidas e engordan a facenda propia; portas xiratorias que colocan no poder das grandes corporacións a moitos ex altos cargos; empresarios que ofertan cartos a cambio de favores; deportistas que cobran cantidades inxentes de cartos e defraudan ó fisco, e que parecían modelos a seguir polos mozos e non tan mozos; institucións deportivas comidas pola corrupción, e un longo etc. Agora que todas as debilidades humanas saen a luz, podemos ver unha sociedade sen referentes nin guías nos que ampararse.

A nosa sociedade vive orfa e sen referentes que merezan a pena; que merezan a consideración dunha sociedade chea de soportar a aturar filosofías dominadas unicamente pola economía sen control ético de ningún tipo. Esperemos que este andazo, que este meigallo, se perda e axiña aparezan novas luces que fagan posible unha ética baseada nun humanismo social e solidario que teña de base as nosas tradicións incluso as relixiosas. Unha ética que rache coa negrura dun tempo que nos está escravizando a todos.

Te puede interesar