Opinión

Solucións espontáneas

Hai uns días un mozo díxome: “Xa teño a quen votar. Estes -referíndose a Podemos- devolvéronme a ilusión. Todo o demais é unha merda”. Respondinlle: tes moita razón, pero ti aínda vas e eu xa che veño de volta, polo que non sigas ó pe da letra o que prometen se non queres levar un desengano. 

Tomo como referencia esta anécdota para animar a facer unha reflexión sobre a novidosa idea de cuestionar que todo o que se fixo ate agora en política foi malo e o que se poida facer no futuro será moi bo, pois apareceron cheos de ilusións lideres con novas ideas. 

Son consciente de que chama á porta outra xeración de xente que quere ser partícipe activa nas cuestións que atinxen a esta sociedade. Benvida sexa. Pero tamén son consciente de que cando se descoñece o pasado, ou se menospreza, dificilmente se pode entender o presente e afrontar os problemas do momento con certa eficacia. Polo que ignorar o pasado ou menosprezalo pode indicar certa fantasía pueril que traerá outro desengano.

Hai uns días, unha dirixente galega do emerxente Podemos afirmaba referíndose a Galicia que a xente non entende de soberanía, soamente de como chegar a fin de mes. Pois claro que si. Pero o falar de soberanía non nos estamos a referir a independencia ou o arredismo, non. Estamos a falar de ter un proxecto para esta terra que esmorece día a día sen perspectivas de futuro; estamos a falar de estafas económicas que nos impoñen, como o custe da produción de enerxía eléctrica, pois os ríos e os saltos están nesta terra; estamos a falar da morte do sector primario e o despoboamento do rural; estamos a falar das imposicións restritivas da UE para facer barcos ou producir no agro; estamos a falar da pesca ou das empresas desta terra que cotizan noutras partes do Estado, e así dun longo etc. 

Pero se isto non se entende, dise que á xente o que lle importa é chegar a fin de mes. Iso xa pasaba no franquismo. A xente pasábao mal para chegar ó fin de mes, pero para mudar a situación había que cambiar o réxime. Pois claro. Por iso afirmo que os problemas de Galicia non se solucionarán se non se afrontan cuestións relacionadas co dereito a ter voz proia nos foros políticos. Os problemas tomarán camiño o día que nós, como galegos, tomemos as rendas do noso destino. Mentres tanto, non esperemos solucións que baixen do ceo por obra e graza dos grupos estatais.

Agora que parece ser o momento desas chamadas mareas, procede unha pequena reflexión: todo o que está a acontecer é froito do cabreo, ou do pensamento meditado? Ninguén dubida que precisamos un cambio de rumbo no económico, que precisamos rematar coa corrupción e que hai que devolver a ética a toda acción política. Pois si, pero sen deixarnos encantar polos cantos de sereas que non teñen rumbo nin dirección. E se non vexamos o que acontece preto de nós, cando alguén di: fagamos unha marea para Ourense, eu pregunto: e quen está detrás desa marea ou plataforma? Pois os que nunca se preocuparon polo común. Os que nunca tiveron iniciativas sociais e agora ven a oportunidade de entrar, para que?, con que proxecto? Os que renegaban dos partidos, e agora convértense en partido político e queren que os demais se disolvan para entrar no seu?

Os partidos políticos teñen moitos defectos, pero vólvense presentar ás eleccións e poden ser castigados ou premiados co voto dos cidadáns. Pero estas plataformas presentaranse outra vez? Pois, depende.

Vivimos en tempo de arrebato que é o froito dunha crise moi dura que recae sobre os máis débiles. E polo tanto, precisamos unha rexeneración ética e política. Isto non o nega ninguén. Pero con todo o que está a chover, analicemos con seriedade e pensemos que os problemas desta nosa terra non terán arranxo con solucións espontáneas que poidan aparecer case de improviso. Tampouco viran dos que se acostumaron a vivir no poder. Pola contra virán cando os cidadáns tomen conciencia de que son precisos os proxectos que nacen da análise dos nosos problemas e que teñen un enraizamento social na nosa maneira de ser, na nosa cultura e forma de ver o mundo. As solucións virán das forzas que ven a Galicia como un conxunto dentro dun estado do que formamos parte, pero que precisa urxentemente doutras políticas para mellorar o seu nivel de vida.

Te puede interesar