Opinión

Son de los nuestros!!

Hai frases e ditos que aínda que se menten á lixeira teñen un significado que arrepía. E lembran traxedias que aconteceron neste Estado hai moitos anos. Pasaron cuarenta anos dende que morreu Franco e, polo visto, nos cuarteis aínda sigue viva a memoria deste persoeiro que chegou ó poder coa axuda dos nazis e dos facinerosos de Mussolini. Pero tales ditos son aínda máis terroríficos cando saen da boca dun uniformado militar e representantes dun grupo político afirman, con toda tranquilidade, que eses que asi falan “son de los suyos”.

A España imperial e antidemocrática latexa entre os uniformados. Vive nos cuarteis e lembra ó ditador que se ergueu contra a república e que despois dunha cruenta Guerra Civil impuxo unha ditadura de cuarenta anos que deixou a milleiros de españois en Francia como apátridas. Eso e outra iniquidades que fixo ainda viven na memoria de moitos cidadáns. Mais o importante é que todo este asunto lévanos a facer varias preguntas: todos os militares e funcionarios cobran do Estado, e o Estado nútrese dos impostos que pagamos todos, polo tanto, se somos todos os que cos nosos impostos lle pagamos a esta xente, supoño que terán que estar ó servizo dos cidadáns que pensen dunha maneira ou doutra. E aínda que estean xubilados, teñen a obriga de gardar as formas e non dicir barbaridades e menos insultar ou fomentar o odio. Que é iso de fusilar a 26 millóns de cidadáns por que son uns “fillos de puta”? Que é iso de culturizarnos coa súa forma de pensar? Que se ensina nos cuarteis ademais de técnicas en armas e de guerra? Que ideoloxías pululan por esas aulas militares? 

Seguindo con estas preguntas, como é posibel que despois de tanto tempo aínda acontezan estas cousas? Como se pode permitir que unha carta que lle mandan ó rei ande a buscar adhesións nos cuarteis? E que pensa o rei? Calará, ou será un monarca realmente consciente de estas barbaridades que se din e os grupos políticos que afirman que “son de los suyos”, e siga en silencio e non diga nada ó respecto? Por último, o que dixo ise persoeiro acaso non é incitación ó odio? Actuará a Xustiza de oficio? Noutros casos, contra raperos e outras persoas, si o fixo.

Pode que alguén diga que iso é unha broma, mais a cousa ten o seu aquel; sobor de todo cando un grupo político e tamén a dereita calan como se non fora con eles. Estemos atentos a estes salvadores da patria que desprezan as urnas e a vontade dos cidadáns, que non cren na democracia e soñan con seren salvadores nun tempo no que mandan os votos e o dialogo político.

Te puede interesar