Opinión

Tempo de contas e promesas

Ben sei que estamos, a pesares do covid-19, en precampaña electoral. E como consecuencia de tal asunto, o 12 de xullo votaremos, dado que é un deber cidadán. Chegou o tempo de que Feijoo e o seu Goberno rindan contas polo traballo feito durante os catro anos. E tamén de que a oposición plantexe un programa alternativo se realmente quere rematar cos mandatos do sr. de Peares. Estamos, polo tanto, no tempo das promesas electorais onde quen goberna, se pode, esaxera os éxitos ampliando e manipulando datos, e agocha os fracasos. O obxectivo é engaiolar os electores e convencer, pois de iso vai o asunto. O presidente da Xunta tivo présa en porlle data ás eleccións, aínda que o tempo do mandato remataba en outubro. E fíxoo sabedor de que, despois do verán, virá o tempo dos recortes e iso non lles gusta nada ós gobernados.

Polo tanto, entramos no tempo das xustificacións e das promesas a futuro, pois do prometido hai catro anos, case ninguén se lembra. Claro que ós ourensás, as promesas non nos resultan algo novidoso pois temos un alcalde que sempre está prometendo parques acuáticos, grandes piscinas, peatonalizacións a esgalla, escaleiras onde non fan falla e torres dun fato de alturas. Ademais, ultimamente, uns controladores de tempo para que os seus adorados funcionarios funcionen nun Concello en parálise permanente. Ourense sempre foi terra de promesas incumpridas e de iso sabemos moito. Por iso, ó escoitar á esperanza branca prometendo cada día unha cousa nova éntranos nun certo arrepío. 

Como de iso, na cidade das Burgas imos moi aventaxados, soamente vou lembrar unha, de hai moitos anos, que a min me chamou moito a atención. Acórdanse vostedes do Proxecto Milenio? Sí, aquel que implicaba o traslado do campo de fútbol do Couto para Benposta? Xa sei, houbo moitos máis. Pero ise chamoume moito a atención, pois nos medios gráficos dos xornais xa viñan debuxados viais, complexos hoteleiros e unha cidade deportiva. Pois ben, todo aquelo levouno ó vento, aínda que estaba impreso no papel.

Prepárense os ourensáns, que comenza o tempo do podo prometer a lúa e as estrelas. E comenza o tempo de contar medias verdades, trolas e outras trangalladas. Por exemplo: hai uns días o presidente da Xunta dixo que a sanidade do ano 2009 non resistiría a crise do covid-19. Tal afirmación cae ó chan, pois sabemos, con datos contrastados, que dende esa data reducíronse en Galicia 900 camas hospitalarias e tamén moito persoal. Tal afirmación sona un tanto chusca. Vamos, que é unha desas cousas que se din por non estar calado.

Desas novas, desas trolas e medias verdades virán moitas máis. Mellor de que nos conten o que queremos ouvir, e iso sona a pracebo, para que esteamos ledos uns cantos días e votemos. Despois virán os recortes. Tomen nota os galegos: entramos no tempo das poxas baseadas en ver quen promete máis. A todos quédanos a misión de distinguir o que pode ser certo ou ter visos de realidade, do que é simplemente unha trola contada nunha campaña electoral.

Te puede interesar