Opinión

Tempo de Nadal

Estamos preto do solsticio de inverno, data na que, no mudo occidental, celébrase o Nadal. Estamos, polo tanto, nas festas da saudade e agora do consumismo sen freo. Mais, como os días son curtos e as notes moi longas e o tempo dá pra todo, para os que temos uns anos aparecen as lembranzas e as comparacións do que estas datas foron e o que a día de hoxe son.

Alomenos no rural e na periferia da cidade, anos sesenta do século pasado, o Nadal tiña un sentido moito máis relixioso do que hoxe ten. Eran os tempos do apoxeo do nacional-catolicismo e, dende aquela, moito trocaron as cousas e as formas de ver a vida. Moito cambiou o nivel de benestar e sobor de todo as comunicacións. O paso dos tempo trouxo un cambio de mentalidades e fixo que decaeran costumes moi vinculadas á sociedade agrícola. O Nadal, naqueles anos de máis estreiteces, tiña un compoñente posiblemente máis humano e menos mercantilista que o de hoxe. Tiña tamén un sabor a resistencia, que significaba ir tirando e superando as estreiteces económicas daqueles anos.

A chamada modernidade trouxo melloras sociais, estandarizou formas de vida, e deixou para o recordo vellas tradicións que eran actividades participadas pola xente e nas que a diversión e o canto nunca faltaba. Por iso, véñenme á mente moitos recordos, como o Canto dos Reis nas casas dos amigos; as visitas ás familias dos máis achegados; os concertos de panxoliñas; tamén a festa dos quintos que se facía o ultimo dia do ano, e na que se lía o Parrafeo... Lembro tamén algunhas representacións teatrais con alegorías a estas datas e os concertos de música na igrexa e, como non, os de Agromadas.

Agromadas, xa como asociación cultural, dende hai anos recuperou o Parrafeo, tradición que viña de moi lonxe en Seixalbo. Nel unha persoa despedía cun discurso o ano que fenecía lembrando as penurias habidas criticando ó Concello, e pedíalle ó ano que entraba dende amores, cartos e a solución de reivindicacións pra comunidade. Esta actividade que se transmitía de xeración en xeración, despois dun tempo esquecida, recuperouse e pasou a ser unha actividade máis literaria, pois os discursos que hoxe se fan teñen un fondo e unha construción dignos de seren escoitados e publicados.

Agromadas encárgalle, con moita antelación de tempo, a unha persoa significada da vila que prepare o Parrafeo. Claro, sen límite de tempo nin censura de ningún tipo. Ise Parrafeo lese un ou dous días antes de rematar o ano nun acto público no que se escoitan cantigas e se fai unha convivencia social. Iste ano será o 28 de decembro e, a encargada de facelo será a actriz do grupo Sarabela Nate Borrajo. Pero atrás quedan os nomes de persoas que como Marga Seara, Amelia González, María Jesús Pazo, Xosé Carballido, Marisol Delgado, Hixinio Novoa e Hector Pereira que co seu saber participaron nesta actividade e axudaron a recuperala. 

En fin, estamos no tempo de Nadal, tempo da amizade e sobor de todo das lembranzas. E xuntarse en comunidade sempre é un estímulo para compartir soños e esperanzas e, sobor de todo, un futuro mellor para todos.

Te puede interesar