Opinión

Tempo de pactos

Despois de dixerir os resultados das municipais chega o tempo dos pactos. Os concellos precisan unha maioría que os goberne para seguir afrontando os problemas diarios da veciñanza. Desta maneira, pasada a resaca e de asumir o novo rol que cada forza política ten, hai que elixir ó alcalde.

Con todo, despois de ler os resultados nesta nosa terra, hai unha serie de cuestións que penso son merecentes de mención. A primeira é que as augas volveron ó seu rego, e os experimentos como o das mareas perderon espazo. Outra é que a división da chamada esquerda con tantas marcas e candidaturas so axudou a debilitar gobernos que precisaban consolidación e agora pasan a maus socialistas. Ou sexa, a división nas mareas soamente trouxo elementos negativos que o electorado castigou por mor das liortas internas; polo que algunhas destas formacións pasarán a seren a lembranza dun experimento fracasado.

A segunda é que os socialistas gañan espazo electoral e alcaldías e, os populares recúan e perden áreas de goberno, aínda que, por mor de posibles pactos nos que se inclúe a extrema dereita, minimizan a derrota. A terceira é que os de cor laranxa, ou sexa Cidadáns, non pasan de seren un partido testimonial en Galicia. E por último, outro elemento moi positivo é que os ultras de Vox non teñen espazo na nosa terra. 

Xa no eido nacionalista galego, hai unha leve recuperación do Bloque. Pero non nos enganemos, a recuperación, de non ser en poboacións concretas, non pasa de ser testimonial polo que o eido nacionalista ten poucas posibilidades de medrar moito máis, e seguirá sendo en moitos lugares pura resistencia e, no mellor dos casos, unha muleta dos socialistas.

Xa na cidade das Burgas, so hai tres posibilidades para que se resolva o tema da elección do rexidor. A primeira é que Democracia Ourensana pacte cos populares, a cambio de que o alcalde Jesús Vázquez se aparte e renuncie a súa acta. A segunda, que Jácome pactara cos socialistas, cuestión bastante improbabel; e a terceira é que os socialistas accedan á alcaldía por seren a lista máis votada para tentar gobernar en minoría. Iso si, buscando acordos nos temas máis importantes que ten o Concello como o PXOM, presupostos e outros.

Estas serían as opcións que realmente poden acontecer. Con todo, o que parece moi clariño é que a época de Vázquez chegou o seu fin. Este alcalde deixa tras de si un Concello onde o desleixo campa abertamente e todo camiñaba á deriva sen proxecto nin rumbo.

Polo tanto, atrás quedan catro anos perdidos, catro anos onde todos os problemas foron pospostos e onde non houbo nada positivo que presentar. E dende esa óptica esperemos que o goberno que veña sexa mellor que o que houbo. Por último, queda o tema da Deputación provincial, onde a ausencia de maioría pon en perigo a continuidade de Baltar. Con todo, cómpre non esquecer que o escano irá para Cidadáns e ninguén descarta que pode ser un aliado ou tapado do actual presidente.

En fin, falaron os cidadáns e estamos en tempo de pactos e todo pode acontecer.

Te puede interesar