Opinión

Termpo pra escoitar e falar

Neste tempo de confinamento percibo que cada día que pasa escóitase menos e esbardállase máis. E faise soltando todo tipo de tolemias e trolas; faladurías que en nada axudan pra facer unha análise sosegada e calma do que estamos a sufrir; dos seus efectos e consecuencias e do que pode acontecer despois de que se controle esta pandemia. Ben sei que estamos nunha situación complexa onde, un inimigo invisibel, que non sabemos de onde saiu, resulta moi difícil de atacar.

Mais, sabedores deso, nas redes sociais a mala ostia dalgúns e a de grupos organizados e adoutrinados non paran de traballar contaminando a paisaxe con bulos e medias verdades, e axudando a enlamar a comunicación, pois actúan como persoas adoctrinadas pouco tolerantes e nada reflexivas.

A oposición ao goberno, sobor de todo a da extema dereita, e tamén a dos populares, pouco axuda a saír desta situación tan belixerante. Pois nalgúns momentos actúan como se fosen rapaces pretendendo soamente estar no foco mediático pra non perder cancha. E, deste xeito, azuzan e sementan críticas e incertezas con tal de desgastar e, se é posibel, derrubar ó gGoberno que algúns chaman social comunista.

Esta crise sanitaria mundial, nunca vivida, pouco parece importar. Polo tanto, anclados en posturas antagónicas, cada quen barre pra súa casa. E ninguén ten a capacidade de asumir que todos teñen responsabilidades, dado que tanto o Goberno como a oposición mandan en comunidades onde houbo importantes recortes en sanidade. Pero, xa se sabe, a culpa sempre é do outro. E así veñen os silencios do que convén nas comparecencias, mentres se lle atiza coas esaxeracións ó adversario político. Vivimos nun tempo onde a crispación parece que é necesaria e ate gusta. Ten moito morbo. 

 Vivimos momentos de certa anguria e parece que aínda non somos capaces de escoitar e de asumir unha autocrítica todos. E cando digo todos, inclúo a gobernantes, oposición e tamén ós cidadáns que nas redes sociais están continuamente compartindo e espallando trolas. Cómpre que tomemos nota do que se fai no veciño Portugal, onde a oposición ponse ó servizo do Goberno. Que preto estamos de Portugal no físico e que lonxe noutras cousas!

En fin, esperemos que a comisión de negociación, anunciada despois do principio de acordo entre o PSOE e o primeiro partido da oposición, abra un novo tempo. Un espazo onde o diálogo e o sentidiño se impoñan e onde todos albisquemos un futuro con máis acordos e menos enfrontamentos. Chegou o tempo de falar, escoitar, argumentar e acordar. E se nesa comisión se chega a importantes acordos todos sairemos gañando e seremos unha democracia madura na que, a pesares das diferencias, o que importa son os cidadáns e os seus problemas. 

Vivimos un tempo de confinamento forzado; vivimos unha situación que endexamais aconteceu. Fagámola máis levadeira co concurso de todos que mellor nos ira como sociedade.

Te puede interesar