Opinión

A tradición non xustifica todo

Como se fora un mantra, parece que a tradición vale para xustificar actitudes machistas e sexistas como as que aconteceron no colexio madrileño onde se forma ós que están chamados a seren persoas con grandes cargos no Estado. As imaxes de mozos berrando e insultando ás mozas que tamén estudan no colexio elitista que están na outra beirarrúa, son un feito para meditar e reflexionar sobor da educación en igualdade. Ben sei que hai quen xustifica o acontecido como bromas des estudantes. Mais o asunto, se o miramos con frialdade, ten certa miga, pois non son só os insultos ás mozas, senon tamén os cantos e saúdos ós ditadores da historia recente europea.

Pero que é a tradición? Pois tirando de definicións escollo a seguinte: “A tradición é unha costume ou doutrina que se mantén de xeración en xeración e que vive na mente colectiva das xentes que forman unha comunidade humana”. Moitos feitos, actividades ou teorías que se repiten varios anos e son aceptados pola comunidade social, pódense mester baixo o paraugas da tradición. Mais a tradición non é algo inmutable. As sociedades e a forma de pensar mutan en función de filosofías, problemas, descubrimentos, inventos e, en resume, formas de ver a vida. E dende ise momento a tradición deixa de ser un elemento fixo e pasa a ser unha costume ou teoría revisable que ten que evolucionar segundo os tempos.

Referíndome ó caso do acontecido nese colexio relixioso de elite, onde parece que os instintos máis primarios dos humanos saen á luz en persoas ás que se lle supón unha formación, o acontecido, que foi portada nos medios de comunicación, non se pode cualificar como tradición, aínda que leven anos repetindo esa sarta de insultos ás mulleres. Tampouco se pode entender como a gamberrada dun mozo, dado que os demais saíron a coro apoiando os berros do primeiro.

E isto sinala que, no fondo, hai unha visión da igualdade moi cativa e menosprezante nalgúns sectores sociais. Hai certas clases que forman un círculo pechado co resto da sociedade; clases que camiñan en mundos moi distintos ós da grande maioría. Sectores que non ven claro o da igualdade entre homes e mulleres; que non aceptan o reparto de tarefas no fogar e que cousifican ás mulleres como se foran obxectos. E por moito que a contestación das rapazas insultadas como “putas” e “ninfómanas” se xustifique como unha broma sen máis, a reflexión que como sociedade debemos facer é moi necesaria. 

A tradición, non pode amparar estas cousas. Non pode ser o mantra que permita que se fagan e cometan estas aberracións. Se a tradición non evolucionara e fora algo inmutable, hoxe estariamos mantendo o dereito de pernada ou tirando a cabra viva dende o campanario, e poderíamos seguir sinalando moitas cousas máis amparadas por ese termo. E se non lembrade que, non hai moitos anos, se xurabas en público ou dicías tacos e outros cualificativos tiñas problemas, pois non era ben visto pola maioría da sociedade. O acontecido nesa casa, onde se supón saber, educación, e valores humanos, os insultos que se verteron non so deixan en moi mal lugar ós que o fixeron, se non a esa institución de ensinanza. En fin, que por moito que lle quiten ferro o acontecido, a carta de presentación desa institución ten unha chata escura no seu haber.

Te puede interesar