Opinión

¡TÚ FLIPAS NENA!

Nestes días de confinamento forzoso parece un tempo acaído pra reflexionar sobor deses asuntos que temos máis perto como é o tema da política municipal e deixar o monotema do coronavirus para os entendidos, pois a nós tócanos seguir as normas ditadas e pouco máis. A linguaxe tabernaria estase a impor no noso Concello. Para milleiros de ourensás non é algo novo, pois o principal mentor, cando era oposición, xa facía uso desta verborrea descarnada e chocalleira que non é máis ca un indicativo da mala educación, do non saber estar e das carencias que ten o primeiro edil desta cidade.


E diante este panorama que afea e devalúa a institución; diante unhas sesións plenarias onde o solista actúa como se fose un neno que xoga cun mecano manipulándoo ó seu capricho, o silencio e a complicidade dos que o amparan tragando sapos amargos día a día, é un feito que indica o que hai que engulir o amargo para seguir mantendo o poder provincial. O circo do que somos testigos, converte ós complices da destrución e menosprezo dunha institución como é o Concello, en resposabeis directos. Claro que, en privado, láianse das veleidades do persoeiro en cuestión mais, sentados no escano, votan e amparan a un persoaxe tabernario e ridículo. A situación de debilidade pola que pasa un goberno que ten maioría absoluta, soamente é comparabel con aquelo de terse que aturar polo menos ate que pasen as eleccións á Xunta, que se adiarán un tempo. Logo xa veremos o que pode acontecer.


Non sei se os ourensáns lembran que moitas destas forzas alcumadas como independentes, forzas que chegaron á política supostamente pra rexenerala, alomenos é o que dicían, son partidos onde non se discute nin se evalúan as decisións de maneira democrática.


O certo é que un grupo de persoas, vendo a oportunidade de chegar á ter espazos de poder, alentaron o ínclito e convenceron a moitos ourensás de que ían arranxar os problemas e así chegaron á alcaldía. Non foron a lista máis votada, pero coa axuda dos populares mandan nesta vella Auria.


Son moitas as preguntas que asaltan á cidadanía. A primeira: isto acontecería nun partido político dos tradicionais onde existen unhas estruturas que alomenos permiten a discusión dos puntos do programa e a elección das persoas pra levalos a cabo? Penso que non. Os partidos políticos teñen moitos defectos, mais os que son organizacións serias distínguense ben dos proxectos unipersoais, pois dentro deles hai xente cabal e comités que frean os desvaríos dalgún candidato. A segunda, e podo dicilo con toda rotundidade pois vivina, refírese a que, cando nun partido un persoeiro que foi electo fai cousas que non estaban na liña e programa ou desbarra como é o caso, os órganos xuntanse e forzan a súa dimisión. Logo pasa o seguinte a ocupar o posto e o defenestrado vaise pra casa.


Hai uns días, unha persoa vinculada ó grupo en cuestión laiabase do que estaba acontecendo e confirmábame que nesa organización non hai partido e menos estrutura partidaria, polo que todos os que están nas institucións están sometidos ó capricho e mandato do líder. De non mediar un milagre, teremos tres anos máis que aturar un circo mediático onde se contesta á oposición con verbas despectivas: “¡Tú flipas nena!” Isto foi o que lle espetou a unha concelleira. Ou, “váianse pois así acabaremos antes o pleno e a saída será moito máis mediática”, ou a comparación do primate. Argumentos de bar de tapas. Iso é o que contesta quen dirixe o Concello. Diante ise circo que bule por todas as televisións e redes sociais do Estado pra facer mofa do que non debe ser, sae un concelleiro a defender o indefendibel. Menudo papelazo teñen que facer algúns pra apoiar a quen se perde pola boca dicindo improperios e conta falsedades. Pero isto é a política nunha cidade onde todo morre e se deteriora dunha maneira alarmante. 


En fin, o asunto da gobernabilidade en Ourense empeza a quentarse, primeiro coa demanda de conciliación que fixo a exconcelleira Aurea Soto pedíndolle ó alcalde que se desculpe por mentir a sabendas que o facía sobor da súa persoa. E a segunda é que xa empeza a ferver a paciencia do grupos de ourensás que vendo como se deteriora o bo nome da institución municipal pensan que hai que facer algo pra parar esta deriva. Estaremos atentos.

Te puede interesar