Opinión

Un agasallo cultural

Foi unha grande sorpresa escoitar o concerto que o sábado pasado houbo na Catedral. Nel as músicas de diversos autores soaron dunha maneira realmente extraordinaria. Catorce pezas e un bis deleitaron ós asistentes e emocionaron a xente nun templo ateigado e cheo de ledicia. A Escolanía da Catedral compostelá, xunto coa orquesta Praeludium e na última parte o coro En Mis Manos, amosaron que cantar con gusto, superando barreiras de todo tipo, é posibel. Unha pequena sinfonía William Boyce (1711-1779) e pezas que van dende o Códice Calixtino pasando por diversos autores como Bach, Britten, os Beatles e Leonar Cohen soaron para a ledicia dos asistentes.

Mais a celebración deste concerto deixou unha pregunta e certamente un sentido de preocupación polo futuro da cultura no noso concello. Que sexan unhas asociacións culturais dunha pequena vila como Maceda, xunto co apoio dunha firma local as que organicen este evento e o presenten na cidade das Burgas, é un indicativo de que en Ourense, na chamada Atenas doutro tempo, non hai política cultural que vaia máis alá da organización de festexos e ocurrencias máis ou menos chamativas. A cultura con maiúsculas; a cultura de calidade que persigue obxectivos que van máis alá da diversión e a troula, e o apoio ás actividades que fan as asociacións culturais, está desaparecida. Non hai ideas nin intención de trocar o rumbo errático que está baseado en ocurrencias lanzadas pra entreter a unha cidadanía con titulares mediáticos como: “a noite de máis medo de Galicia”.

Outra cuestión que suscitou este concerto levoume a lembrar que, non hai moito tempo, falando cun cargo eclesiástico da catedral ourensá, pregunteille como era posibel que non tivera unha escolanía. A resposta foi algo semellante ó que sigue: estamos servidos cos coros da cidade. Polo que deducín que o interese por tal asunto era nulo. Este detalle e outros semellantes referidos a outras institucións e actividades culturais na cidade indican que neste eido non hai nada salientabel que amosar. Pero tampouco se aspira a acadalo. Perdemos agrupacións e certames que saían do ámbeto local, mais non importa. E non o hai nada porque nin ós políticos que pisan moqueta, nin a cidadanía aspira a ter algo que lle dea caché a esta urbe de máis de cen mil almas. 

O concerto obxecto deste comentario ven amosar que cando se quere, con un mínimo apoio institucional, pódense facer moitas cousas. Pódese escoitar música de calidade, pódese axudar a integración de persoas con determinados problemas e pódese camiñar pola vida creando unha cidade cultural pra termos un espazo e ser considerados no resto de Galicia.

Noraboa aos protagonistas, e ás asociacións: Os do Fuelle, Setestrelo, Asociación de Amigos do Castelo de Maceda e as demais entidades e empresas que apoiaron este gran agasallo musical. Polo demais, pra os responsables da Cultura tanto no Concello como doutras entidades públicas, que tomen nota, pois con tantos asesores supoño que haberá algún que teña algunha luz e sensibilidade cultural pra que se troque o rumbo. Urxe rachar co camiño cara a ningures que leva esta vella Auria e tamén a provincia.

Te puede interesar