Opinión

Un ano de pandemia

Oano pasado por estas datas comezábase a escoitar nos informativos que nunha cidade china un médico descubrira un virus que era mortal. Nós, naquelas datas, viviamos pensando no Entroido e facendo plans para a Semana Santa e o verán. Lembro tamén a morte dun veciño recén xubilado ó que non se lle coñecían patoloxías previas e que estivo na UCI case un mes. Segundo lle dixeron á familia, finou dun virus descoñecido. Pasados uns vinte días dese acontecemento, comenzamos a penitencia que hoxe temos. Ás nosas vidas chegou o covid-19 para poñer patas enriba esta sociedade. Agora, cando estamos aturando un novo brote e a ringleira de contaxiados e mortes segue a medrar, sabedores de que os entes públicos so poden dar normas e pouco máis, comezamos a preguntarnos como se pode atallar esta pandemia que ameaza con toda dureza este ano 21. 

Nas poucas conversas que hai, escóitase de todo, mais sempre nos atopamos cós que din que a culpa sempre é dos demais. Maiormente do Goberno, das autonomías e dos que están ó mando desta sociedade. O argumento sempre é semellante: que poñan máis vixiancia e que sancionen máis. Mais en nada facemos autocrítica polos nosos comportamentos. As culpa sempre quedou solteira, di un dito popular.

O domingo pasado, na capital do reino, un grupo de xente reclamaba liberdade, pois entendían que todo o que acontece é pouco menos que unha montaxe pra coartar os dereitos dos cidadáns. Noutra parte do planeta. o fanatismo relixioxo monta unha lea por non poder entrar a un colexio. E en moitas cidades do Estado e europeas, os máis novos, pensando que con eles non vai o tema, montan festas e botellóns e atízanlle ás forzas da orde. Todo isto lémbrame un dito: que se pare o mundo que quero baixarme, dicía un famoso deportista hai anos. Ou sexa: uns cantos iluminados negan a evidencia e para elo ampáranse na liberdade, mentres outros fano nunha crenza e outros non lle poñen límite a folganza. Non hai moitos meses. a presidenta da Comunidade de Madrid dicía: mentres este virus afecte so ó un por cen da poboación non se pode esnaquizar a economía do país cos peches. E agora que estamos a piques de cumprir un ano de pandemia, semella que pouco sacamos en limpo e que tampouco nos lembramos dos milleiros de persoas que finaron. Xa sei que hai sectores que seguen a negar a existencia do virus e saen á rúa berrando liberdade e outras cousas semellantes.

Todos sabemos que, a diferencia do que aconteceu noutras pandemias hai moitos anos, pestes nas que a poboación quedou desamparada, hoxe a situación afróntase doutra maneira. A maioría dos gobernos xogan a salvar a saúde da sociedade conxugando coas normas facerlle o menor dano á economía. Mais para que iso teña un bo fin, é preciso contar co comportamento responsable dos cidadáns. Do contrario, será moi complicado saír desta situación. 

Hai un ano comezamos, por estas datas, a escoitar que un virus viña amolarnos. Un virus que veu a dicirnos que a nosa sociedade é moi feble e que hai que tomar conciencia diso. E para elo, hai ser consecuentes e respectar as normas se queremos deixar atrás este andazo que nos amola e esnaquiza a nosa forma de vivir. Agora, que o covid volve con forza, sería bo que todos tiveramos máis coidado e foramos consecuentes co que facemos a diario, claro, se non queremos amolar o ano 21 e as consecuencias que virán despois.

Te puede interesar