Opinión

Un botellón vixiado

Como trocan os obxectivos nunha parte importante da mocidade? Como pode ser que os mozos e mozas a día de hoxe pidan que se lles habilite un espazo pra faceren un botellón controlado e vixiado? Non o entendo. Por iso lembro os tempos da adolescencia e mocidade. Daquelas, anos sesenta do século pasado, os obxectivos de todos os mozos eran ben distintos ós de hoxe. A diversión era moito máis sinxela, pois non pasaba do guateque nun local particular, do baile no Posío, das festas dos arredores da cidade e tamén da visita ás incipientes discotecas. Bailar, arrimarse a unha rapaza e soñar buscando a parella para formar un futuro, pra nós era o obxectivo principal. O mal entendemento da modernidade chegou, e os obxectivos foron mudando o igual que o fixo a sociedade. E agora parece que para moitos adolescentes e mozos o prioritario e beber, mesturar cousas pra buscar novas sensacións, e absterse de afrontar o futuro agochándose na ledicia momentánea que dá o porse peneco. Que pena. Son dos que penso que non todo o mundo sigue está nefasta costume de agochar as debilidades, carencias e covardías bebendo ata caer de bruces ó chan ou chegar ó coma etílico.

Onde están os obxectivos de idealismo e de gañas de afrontar o futuro da xente nova? Onde están as ansias de influir nas decisións da sociedade?, onde? Onde están as gañas de cambiar o mundo para facelo mellor? Beber pra esquecer, pra envalentonarse ou pra afrontar un problema non é nin máis nin menos que agochar as carencias e amosar a debilidade de quen ten, máis ca un vicio, unha patoloxía. A valentía de superarse día a día na procura de metas que o realicen como persoa, debera ser o obxectivo da xuventude e non caer mazado nunha rúa ou parque desta cidade. 

Pero o máis tristeiro desta cuestión, o máis sangrante deste problema é que a rama moza dunha agrupación política pide que se habilite un espazo para un botellón controlado e vixiado. Ou sexa: controlar pra que beban pouco; arredalos a un lugar onde non se vexan e estean como se foran algo apestoso? Non, esa nunca será a solución. Pois todos sabemos que ó beber, pérdese o control, pérdese a cabeciña e veñen as arroutadas. 

Vivimos nun tempo onde, diante certos problemas, sempre hai quen pide medidas e solucións paliativas que o levan a cronificarse e a que perdure eternamente como unha praga que hai que aturar. Vivimos nun tempo onde o idealismo e o sacrificio para obter determinadas metas pasa por un mal momento, onde soamente miramos para a fermosura do escaparate que nos tenta a coller todo o que nel está. Claro, sen o esforzo nin o sacrificio para conseguilo. E iso lévanos a vivir sen obxectivos que nos ilusionen e que fagan que unha gran parte da xuventude ande perdida e non sexa a que alume un futuro que abra camiños nobres para esta sociedade consumista e pouco crítica. 

A proposta dun botellón controlado non é unha boa medida para porlle freo a un problema grave como o de beber pra divertirse. Por iso, chámame a atención que sexa unha forza política a que faga esta proposta. Pero así andan as cousas.

Te puede interesar