Opinión

Un home sinxelo

Adistancia e o hieratismo moitas veces é a característica máis salintabel de moitas persoas poderosas na política, na economía e tamén na relixión. O poder sube o ego e sitúa as persoas nun podium superior ó común dos mortais. Un profesor que tiven tempos atrás falaba da plebe referíndose á xente común. El xa se situaba noutro estamento social. Sentíase superior, polo que vía ós alumnos nun estrato inferior, pra el eran plebe.

Na entrevista que se emitiu o domingo do papa Francisco, a humanidade, ou mellor, o humanismo cristiano, brotou como se fose unha flor de primavera. Unha flor fresca que nace para poñerse á altura dos humanos, da xente do común. Lonxe queda a visión da relixión e do papa que de neno escoitaba naquela escola triste e fría, onde con paus e monsergas aprendimos ringleiras de verbos e letanías; onde cantamos cantigas que falaban do imperio e onde poñíase, entre outras, a autoridade do pontífice como algo lonxano do común, dos mortais, pois pouco menos que era algo divino. Lembro que escoitabamos aquelo de que, en temas relixiosos, era infalibel. Despois da mentada entrevista, parece que lonxe queda o boato dalgúns cardenais, tamén españois, que recentemente pasaron a un segundo plano dentro desa institución. Príncipes dunha Igrexa alonxada dos crentes. 

O papa Francisco, na entrevista referida, amosouse como un home normal, prudente, sensibel que non condena ós mortais e as súas debilidades; pero que fala da emigración e dos muros sen tapuxos; que lembra as guerras esquecidas no mundo onde se sufre, diante o silencio cómplice de moitos gobernos. Dese mundo que, atendendo a grupos políticos ultras, pon muros contra os que fuxen da fame e da guerra. 

Tamén, coas súas pausas e algún silencio, amosou que as estruturas nas institucións impiden a súa modificación e adaptación ós tempos. E todo o tempo viuse distendido contestando a todas as preguntas que lle facían. 

Poderemos estar dacordo coas respostas, poderemos discrepar de moitas cuestións que a relixión ten, pero o tono e o sorriso franco dunha alta xerarquía relixiosa que non espanta nin ameaza con mandarnos ós infernos como noutrora se facía, e aínda algúns xerarcas fan, é moi positivo e crea empatía.

Hoxe a Igrexa ten á fronte un home sinxelo que transmite tolerancia e que está ó día dos aconteceres do mundo. Un home que intenta modernizar unha institución que é moi endogámica e reacia a actualizarse para vivir segundo os tempos. Un ser que debera ser un referente para moitos xerarcas e príncipes relixiosos que seguen presos do boato e condenan dende os púlpitos a quen non comparte as súas crenzas ou discrepa cos seus postulados. Adaptarse ós tempos é unha forma de vivir e perdurar. O contrario é ir fenecendo paso a paso. E poñerse a altura das xentes é unha virtude que ten o papa Francisco.

Te puede interesar