Opinión

Un magosto virtual?

Unha semana antes do San Martiño, festa tradicional ourensá, nos arredores da cidade as fumeiras eran como fachos que subían cara o ceo. E por mor desa festa grupos de mozos e mozas camiñaban polo rural pra achegarse ós cumios dos montes e dende alí, ademais de visualizar unha paisaxe fermosa, asar as castañas e os chourizos, beber viño desta terra, cantar e lanzar ó vento aturuxos de ledicia. Logo o once, data propia da festa, chegaban os magostos oficiais, os das asociación de todo tipo e tamén os familiares.

Ourense era un fervedeiro de xuntanzas onde se socializaba e se falaba de todo; onde tamén se cantaba arredor do lume e, onde a retranca galega, saía dunha maneira sen complexos para esquecer os problemas e atrancos da vida. Por uns intres eramos felices, pois aquelas xuntanzas unían ás comunidades e colectivos sociais e medraba a amizade entre todos.

Mais dende o marzo pasado chegou o covid e todo mudou pra sumirnos nun tempo onde a incerteza e a desconfianza camiña arredor de nós. E fíxoo de tal xeito que conseguiu que as nosas festas, xuntanzas, reunións e demais actividades, incluíndo as culturais, pasaran a un estatus de seren pouco menos que cousa perigosa e polo tanto prohibida.

Pois ben, diante unha pandemia que nos asfixia; que impide relacionarnos, pois compre non esquecer que a relación é a base da sociedade, soamente nos queda o camiño da lembranza e si é posibel empregar os medios actuais pra compartir a ledicia dunhas xuntanzas virtuais sen o sabor das castañas e o padal dos nosos viños.

Ben sei que magosto virtual non é máis ca un artificio pra calmar a saudade. Que tal invento vale pra pouco, pois cando nin a familia, núcleo fundamental da vida en sociedade, non pode xuntarse todo perde sabor e sentido. 

Que fortes pensabamos que era a nosa sociedade. Mais que enclenque é. Esta pandemia baixounos os fumes a todos e fíxonos cavilar sobor do noso futuro. Un bichiño invisibel deixounos fora de xogo e mandounos un serio aviso. 

Hai un ano en Ourense alguén falaba, dende o goberno do Concello, de facer unha grande festa na honra do padroeiro da cidade. Todo quedou no eido das ocorrencias e as promesas, dado que neste momento non hai goberno e a situación do Concello é caótica, tristeira e sen un futuro claro. As ansias de estar no poder, a falla de ética e vergoña, anulan a racionalidade. E así nos vai. En fin, este ano non poderá facerse o Magosto. E soamente nos acolleremos ós recordos e as lembranzas dun pasado, mentres esperamos que escampe. Empreguemos a tecnoloxía pra chatear e berrar “Viva o Magosto!”, pois non nos queda outra.

Te puede interesar