Opinión

Un nome para o conservatorio

De cando en vez moitos son os que falan de ourensanía. O certo é que o concepto de ourensanía non é máis que un recoñecemento a entidades e persoas que, dalgunha maneira, deixaron pegada cultural, política ou económica nesta cidade ou no resto da provincia. As veces, cecais por pura saudade, tamén se fala de que esta cidade foi a Atenas de Galicia, referíndose a gran laboura cultural que no seu día deixou a xeneración Nós. Mais, se nos atemos o que se visualiza a día de hoxe, a pobreza cultural e a perda de identidade, xunto co escaso mundo asociativo que hai tentando sobrevivir, debúxase un horizonte ourensán nimio e mesmo pouco esperanzador.

Ourense, día a día, pese a ter mellores infraestruturas culturais, perde peso, e o que foron os feitos culturais máis salientabeis degradáronse co paso do tempo. A devaluación das festas, noutrora chamadas do Corpus, son o mellor exemplo. Ademais do reseñado, outros símbolos da tradición musical ourensá como a Banda de Música xa é pasado. E a día de hoxe non existe ningún elemento cultural que poida sinalar ou ser algo referenciabel da cidade nin da provincia a nivel galego. 

Con todo, Ourense ten unha historia cultural rica na que traballaron homes senlleiros que deixaron obra escrita para ser coñecida e valorada polas novas xeracións de ourensás e de toda Galicia. Homes que deberan ser un referente social. E ise traballo é o que se debera relanzar para ensalzar esa ourensanía que, de cando en vez, sae á luz.

Neste senso, a laboura que fixo o que fora director de Coral De Rúada Javier Jurado, recollendo e preparando a edición da gran obra musical do Mestre Vide para ser editada co apoio da Deputación, é un dato a ter en conta. A menos que rebulamos na historia ourensá, hai moitos persoeiros, descoñecidos para a gran maioría, que deixaron pegada cultural. Por iso é xusto louvar o traballo da xente que se adica a rexistrar e tocar a música de Vide para que sexa coñecida. Ou incluso subliñar o premio de interpretación que se organizou no Conservatorio que leva o nome deste gran músico local. To iso está moi ben. Pero é preciso dar un paso máis. O Mestre Vide foi un gran activo cultural que tivo esta cidade. Foi un persoeiro que nos legou unha gran e extensa obra que maiormente é descoñecida. E aínda que na cidade xa existe unha rúa co seu nome, entendo que, como en Lugo o Conservatorio leva o nome do compositor Xoán Montes e en Pontevedra leva o de Manuel Quiroga, o de Ourense tería que levar o nome de Mestre Vide. 

Ben sei que Ourense nestes tempos non pasa polo mellor momento cultural; que nese eido, como noutros, imos perdendo peso. Por tal motivo, as entidades culturais debíanse unir para tentar resaltar ás persoas que no seu día foron referentes de ousensanía e de galeguidade para que o seu legado chegue a todos os cidadáns.

Te puede interesar