Opinión

Un silencio que abafa

Erguerse sen saber en que día estamos empeza a ser algo moi normal. A rutina do confinamento forzoso pesa sobor de nós e o silencio, que se percibe nas rúas dende o corredor da casa, é demoledor e abafante. O reloxo da igrexa marca as horas, máis pola rúa non pasa ninguén pra cumprir coa súa rutina diaria ir visitar e levar unha flores ó vamposanto. Semella que estamos nun lugar un tanto fantasmagórico onde nada se move e onde o silencio é absoluto. 

Mais, pra rachar con rste senvivir cheo de desacougo, vou na procura dos medios informativos, sabedor de que nada novo e positivo escoitarei. E así, refuxiado no lar, pra matar o tempo, comeza a sonar unha cantiga do desaparecido Aute: “Aleluia”. Nela a letra entre outras cousas di: “Este mundo que non sabe onde vai”. E neste momento de crise esa frase toma corpo, pois ten unha carga de razón importante que a xustifica. Certo é que un futuro incerto comenza a pulular polo maxín de todos os vivos. 

Hai uns días, todos tíñamos máis ou menos uns plans feitos pra desenvolver nos vindeiros meses. Uns, xa tiñan programados actos importantes, oposicións, viaxes, visitas e asuntos familiares que marcan datas na vida individual e colectiva. Estaban previstas unhas eleccións e mirabamos ó futuro dentro dun certo orden e previsión. Sabiamos cando ian ser as festas dos lugares que nos interesaban; os actos deportivos e mesmo as vacacións estivais. Tiñamos programados eventos, cerimonias e encontros. Mais axiña decatámonos que todo esnaquizouse e caeu ó chan como se fose un castelo de naipes. Un maléfico virus colleunos pouco menos que en pelota. E agora estamos un tanto indefensos sen saber que vai acontecer para programar, a grandes liñas, o noso futuro inmediato. Aínda que se levante o confinamento, a desconfianza en ser infectado seguirá por moito tempo ameazando a nosa saúde e polo tanto a nosa existencia vital.

Ben sei que non é a hora da crítica, sobor de todo da destrutiva, da tóxica que o enmerda todo, non aporta nada e lévanos a autodestrución como sociedade e pais. Esa critica que practican moitos dicindo que todo é unha merda, pra que logo cheguen a mandar Jácomes ou elementos semellantes. 

Tratando de ser positivo, diante unha situación que ninguén esperaba, reclúome nesas cantigas dos chamados cantautores. Xente que como o desaparecido Aute deixaron pegada poética e musical nun tempo de cambio político. Letras con sentido fondo e literario. E músicas sinxelas, xeralmente acompañadas cunha guitarra, son o legado que el e outros autores deixaron e hoxe pululan polo vento. Cantigas con alma e mensaxe. Todas tiñan o obxectivo de darlle certo contido as nosas vidas que hoxe están enlamadas de consumismo acrítico. Meditar, reflexionar sobor do bo, do positivo e do que non o é; do que debemos facer ou non; do vivir en sociedade, mantendo uns vincallos de solidariedade, sempre resulta de agradecer, e sobor de todo nunha semana noutrora de reflexión. O demais ven a ser aborregarse e ser masa manipulable; masa manexada segundo o antoxo dos que moven os fíos da humanidade e están agochados baixo o nome mal entendido progreso e a chamada modernidade.

O virus de marras trouxo un silencio que abafa e deixou a nosa sociedade co cu ó aire. E, ademais do dito, mostrounos as feblezas que temos, que son moitas. Con todo, non nos rendamos e desta crise mundial saquemos algo positivo pra endereitar o rumbo da humanidade, rematar co confinamento e encetar un tempo novo.

Te puede interesar