Opinión

Un tempo novo

A pesares da gran incoherencia, ou se o prefiren do pacto entre antagónicos rivais ata agora, na cidade ábrese un tempo político novo. Un xornalista dicíame antes de elixir ó rexidor: se Jacome chega á alcaldía imos ter moitos e bos titulares de prensa. O asunto da gobernanza estará moi animado tanto na cidade como na provincia.

Pois ben, esquecéndonos da ética e da picazón que dá o acordo de comenencia ó que chegaron os populares coa peculiar Democracia Ourensá, dúas cousas quedan moi claras no Concello. A primeira é que, na gobernanza do Concello das Burgas, ábrese un tempo onde unha forza netamente conservadora e un tanto unipersoal conta cun importante apoio do electorado e asume o poder xunto cós populares no Concello das Burgas. Neste caso, cumprido o desexo de ser alcalde a toda costa e a calquer prezo, o señor Jácome e os seus teñen que compartir poder. E compartir poder non é o mesmo que predicar e soltar bravatas sen ton nin son buscando titulares de prensa. Compartir poder é negociar e acordar políticas conxuntas. É ceder e aceptar que a verdade, en política, maiormente non é propiedade dun grupo e menos dunha persoa. Polo que hai varias cousas que veremos como se resolven. A primeira son as denuncias diante a Xustiza que foron promovidas por DO. Entre elas o asunto do PXOM. Aínda que, segundo varios medios, seguirá levando o urbanismo o mesmo señor que promoveu a aprobación inicial do documento sen expoñelo ó público. Polo que parece que tal aprobación quérenna anular, para deixar sen efecto a demanda nos xulgados que DO. 

A segunda é o reparto de concellerías. Aínda que neste senso parece que hai un acordo inicial que lle deixa Infraestructuras a DO. Aínda que cartos hai, pola escasez de xestión de anos anteriores, gobernar é moi distinto de latricar e predicar dende a oposición. Gobernar non é facer o que un quere pois hai que contar con 14 votos.

Son consciente de que a todo goberno hai que darlle os cen días de marxe. Con todo, na cuestión da gobernanza do Concello e tamén da provincia ábrese un tempo político novo. Un tempo que non deixa de ter moitas incertezas e moitas máis interrogantes. Esperemos e vexamos se na casa de todos hai un espectáculo comedido, ilusionante e edificante que encandile ós ourensáns e dignifique a institución, ou se, pola contra, hai un circo mediático onde o insulto e a perda de formas, como foi ate agora, sexan o pan de cada xornada. En fin, estamos diante un tempo novo. E xa veremos o que acontece.

Te puede interesar