Opinión

Unión fiscal e social Europea

Acreación do Benelux, que logo evolucionou no Tratado de Roma creando o Mercado Común, como todo o mundo sabe, naceu como unha unión de países no que o fundamental era o movemento de persoas e cousas. Era, polo tanto, unha unión comercial e puramente económica. Un selecto clube onde a economía mandaba, dando por suposto que co intercambio de mercadurías e co movemento libre das persoas, sentaríanse as bases dunha unión política europea futura. E seguindo a teoría anterior naceu en Maastrich a Unión Europea, e posteriormente unha serie de institucións, algunhas electas e outras non, e o euro como divisa única.

Paralelamente, na economía mundial acelerábase, debido o grande avance das comunicacións, a chamada globalización. A chegada do euro e o proceso de globalización dos mercados trouxeron aparentemente vantaxes, pero tamén sacaron á luz os grandes problemas e desequilibrios sociais que hoxe temos diante nós.

Na UE, dende hai tempo, estase abrindo unha fonda crise de desigualdade entre os países e as xentes que a conforman. Os dos norte, con economías máis sólidas, e os do sur, con economías febles e basicamente dependentes do turismo e doutros servizos. Países como España, Portugal, Grecia e outros viven cargados de débedas e están afogados por uns índices de paro moi altos. Co que a pretendida “Europa dos cidadáns” camiña renqueante, pois todas as directrices económicas están marcadas polos mercados e a ruptura social entre uns países e outros cada día é máis evidente.

Recentemente, mandatarios franceses e xente da oposición no Estado falan abertamente de refundar a UE e fan propostas, conscientes de que a globalización económica, ó non haber globalización de dereitos sociais, non leva máis que a aumentar as desigualdades entre os países membros. E nese senso fan unha proposta que pasa por camiñar cara a unión fiscal e social. Isto implicaría o acordo dun soldo mínimo, unha idade de xubilación igual en todos os países, tamén un seguro de desemprego e camiñar cara un imposto de sociedades igual para todos.

En fin, a proposta parece interesante. Pero supoño que aínda terá que chover moito para que se leve a cabo. Se se persegue unha unión política e social que supere os mandatos económicos e recortes na soberanía dos estados membros, haberá que dar pasos que nos leven cara a creación efectiva da Europa das persoas e tamén dos pobos,
para poder controlar e rematar coas únicas directrices que funciona ate hoxe, que son as dos mercados. Esperemos e vexamos o que acontece, dado que a política ten que imporse a lei dura e pura da economía que soamente favorece as grandes multinacionais. Con todo, a proposta que fan as forzas progresistas parece interesante. Esperemos acontecementos.

Te puede interesar