Opinión

Vai chover

JOSÉ PAZ
photo_camera JOSÉ PAZ

Non levas paraugas? Non. Pois seica vai chover moito que o dixeron os do tempo.

Acotío escoitamos frases semellantes a do inicio. A modernidade e as novas tecnoloxías permiten que poidamos recibir con tres ou catro días un avance do tempo que teremos, ainda que todo hai que collelo con pinzas pois non sempre sae o que anuncian.

Este ano 22, que xa ten consumido case tres estacións, trouxo, para tocarnos o nabo, moitas cousas que cecais nunca máis vexamos. E entre elas, unha seca que, de seguir sin que os manantiais se recuperen, que é o mesmo que dicir se non chove uns cantos días seguidos e con intensidade, moitos lugares terán que ser auxiliados con cisternas, dado que os pozos non recuperan e a auga fai falla nas casas.

Segundo os entendidos din, o cambio climático e o aumento da temperatura son a consecuencia de que o clima se polarice. Por iso, cando chove de verdade, faino con moita forza e arrasa máis que axuda.

Mais, o que me chama a atención dos anuncios e predicións meteorolóxicas é que agora chámanlle chover a meruxar, e por iso din que a tal hora choverá. Logo caen catro pingas e seguimos como estabamos. 

A auga, tan precisa para a existencia dos humanos, este verán faise de rogar. E este feito lémbrame cando en Seixalbo, e supoño noutros lugares tamén, saíase en procesión coas rogativas implorándolle que ó ceo nos mandara auga. O cura iba de primeiro e todos rezando para que a auga viñera mansiña e regara os eidos. Eran a principios dos sesenta do século pasado. Daquelas todos ollabamos os calendarios de Zeltia, o Gaiteiro de Lugo ou o Zaragozano; eses falaban en xeral e nunca se enganaban. Pero no lugar onde vivo, tamén tiñamos un home preditor do tempo. Chamábase sr. Arturo, alcumado O Farranchán. Era, ademais de boa persoa, un home que tiña moita, moita retranca, pois el sempre lle sacaba punta a todo. Por iso cando lle preguntaban: Sr. Arturo: que tempo haberá mañá? El primeiro miraba para o ceo, e con moita parsimomia respostaba tirando desa habilidade retranqueira, pois contestaba en castelán: “Mañana... haberá un tempo u otro.” E deste xeito nunca se trabucaba.

Moitas veces, cando os señores do tempo predín e din que a tal hora choverá, e logo so caen catro pingas, lémbrome do esaxerados que son. Eles chámanlle chover a caer catro gotas que nin limpan o cristal dos coches. E lémbrome do noso veciño e as súas retranqueiras predicións. 

Tamén lembro os tempos cando aínda non había traída de auga e serviamonos dos pozos e fontes do lugar. A traída chegou a Seixalbo a finais dos sesenta do século pasado con tubería de fibrocemento, ou, se o prefiren, uralita. E por iso racha cada pouco. As reiteradas peticións da Asociación veciñal ó Concello para que renove esa traída pérdense na marabunta do goberno desa institución. 

Recoñecendo que a tecnoloxía mellorou e a predición do tempo tamén, sería bo que cando anuncien que vai chover non esaxeren tanto. 

En fin: que imos ter que chamar o sr. Pemán para que fale cós que fan estas previsións e lle diga que aplomen máis nelas. E cando digan que chove que sexa de verdade para collermos o paraugas e non mollarnos.

Te puede interesar