Opinión

Venezuela, venezuela!

Coa polémica que hai sobre o pais do Caribe entre detractores dun réxime populista e ditatorial e os que o ven como unha revolución positiva e un modelo a seguir, véñenme á memoria lembranzas dunha conversa que hai uns anos mantiven cun parente da República Dominicana, e tamén das discusións cunha profesora na escola de Maxisterio de Ourense anos hai.

A profesora en cuestión afirmaba que a situación xeográfica e climática tiña unha fonda influencia na xente á hora enfrontarse á vida, pois as persoas que vivían nas zonas próximas ó ecuador e preto dos trópicos, por atoparse nun clima benigno, non actuaban diante as necesidades vitais igual que as persoas que habitan nas zonas mornas e frías do planeta. Nestas, as estacións do ano están moi marcadas, son moi diferentes e teñen rigores duros que hai que superar. Estas xentes tampouco necesitaban sacrificarse nin someterse á disciplina do traballo como se entende nas zonas templadas, e iso é un dato importante para comprender aspectos e modos de vida nestas zonas do planeta.

O parente dominicano, diante a pregunta das razóns polas que na mesma illa, Haití vivía na miseria total, e os dominicanos tiñan un nivel de vida moito mellor cós seus veciños, respondeume que Haití fora o primeiro pais da zona en liberarse da colonización e do escravismo, pero que a ausencia dunha clase media e a toma do poder polos xentes menos preparadas levou ó pais a un goberno que mal administra a súa miseria. E de seguido recomendoume a lectura dun libo de Isabel Allende: “La isla bajo el mar”, onde se pode entender a historia haitiana.

Logo, andando no tempo, topeime en Vigo cun matrimonio de galegos que volveran de Venezuela. E falamos do país, de como vivían alí e tamén das razóns de volver a terra. Comentáronme que, dende a chegada de Chávez ó poder, no seu discurso político sempre culpaba de todos os males do país ao colonialismo, ós americanos e ós galegos que tiñan negocios, pois todos eran uns saqueadores. A propia idiosincrasia das xentes e o discurso no que a ausencia de autocrítica polos erros propios prendeu nun sector importante, e segundo me contaba a muller, moitos cidadáns miraban mal ás persoas doutros países que tiñan alí negocios. Co que milleiros de galegos están a pasar moi mal nese pais.

Pois ben, estas cuestións e outras, xunto coa inseguridade vital e xurídica, a distancia de clases e de vivir nun país potencialmente rico, pero que case nada produce, salvo vender petróleo, son factores importantes a ter en conta á hora de pronunciarse sobre o que alí acontece.

Con todo, e sen entrar nesa disputa dialéctica inútil sobre o que para min é un fracaso de goberno, sorpréndeme negativamente que parte das forzas políticas galegas esquezan a defensa dos nosos emigrantes e, pola contra, defendan a un señor que manipula a xustiza, burla os resultados electorais e pretende facer unha constitución con participación asemblearia excluíndo ó Parlamento electo. E, no cumio do disparate, chame á poboación a defender coas armas as súa veleidades.

Mal camiño leva o asunto cando unha parte da poboación ignora os resultados electorais e pensa en manterse no poder a golpe de decretos amparados pola forza da represión. Mal camiña un pais onde non se respectan os resultados nas urnas. Mal camiña un estado sen seguridade xurídica e vital. As melloras sociais no mundo sempre viñeron do traballo, do entendemento, do pacto social e da creación de emprego, e diso seica andan escasos a día de hoxe os venezolanos. Parece que non hai espazo para o diálogo e o acordo. Por iso, digo Venezuela, Venezuela!

Te puede interesar