Opinión

Os vetos na política

Áactividade política como acción necesaria para o bo goberno das sociedades asignáronselle sempre ditos, frases e incluso refráns que sinalan a complexidade das solucións e acordos que hai que tomar cando se goberna. A nosa sociedade é moi diversa e se os electores son os que teñen a palabra, aos electos tócalle interpretalos e tomar decisións. Escoitamos con moita frecuencia que, en democracia, hai que escoller entre o malo e o menos malo, sempre primando o interese da sociedade en xeral. Tamén que hai que buscar a solución menos mala, pois o que é bo para algúns non se acepta por outros. E asi poderíamos poñer milleiros de exemplos. Mais facendo as excepcións pra illar as forzas políticas que predican o racismo, a xenofobia, o terrorismo e cousas semellantes, poñer en practica o veto e a exclusión dós electos é cando menos un disparate e unha ofensa ás persoas que libremente elixiron a esas xentes. Por outra parte a postura de vetar agocha o medo a perder parte do poder, pois xa se sabe que, cando se negocia, hai que ceder parcelas de mando. E iso a moitos mételle medo pois ven reducir a súa influencia na sociedade. 

Nestes días fálase do veto dos populares pra elixir ós membros do poder xudicial. Parece que non queren que un grupo non poida propor candidatos pra cubrir unha pequena parte de maxistrados nese órgano da xudicatura. Pero non hai moitos días, o tema dos vetos tamén o escoitamos na nosa cidade: para arranxar o tema do desgoberno no concello das Burgas, o grupo do que depende a solución, os populares, veta ó candidato que gañou as eleccións para presidir o consistorio. En tal veto non se fala de cuestións programáticas, nin de temas que afecten aos cidadáns, non. O que se intúe é como se fora un loita entre dúas persoas que non se soportan e iso non é de recibo. E claro, diante este veto a un elixido que gañou unhas eleccións, moitos facémonos unha pregunta: como se chegou a un acordo con quen insultaba, facía mofa e escarnio do presidente do ente provincial e pola contra se veta ise acordo con quen criticou e critica a forma de exercer o poder, pero non insulta nin menospreza? Como é posibel que tendo asegurada a cadeira no ente provincial polo resto do mandato, se torpedee o cambio na alcaldía condenando ós ourensás a ter que estar o resto do mandato sufrindo unha pandemia que dilapida os cartos no Concello e o creto desta cidade e da institución municipal?

Costa moito entendelo. Mais aínda é moi máis complicado xustificalo. Cando as cuestións públicas e a maneira de gobernar se levan ó terreo persoal, todo indica que temos ó fronte das institucións a persoas de moi pouca valía. Persoas que se amarran o poder como lapas pois pensan que o mando lles pertence de por vida. O poder engancha, e cando este leva moitos anos nas mesmas mans ate un pode pensar que é dono da institución que goberna, e iso é un mal camiño. Os últimos acontecementos nos que esta implicado o alcalde Jácome, chantaxe para forzar dimisións a cambio de ofertar postos de traballo nun ente público, son o colmo dunha xestión caciquil, personalista e repugnante que non pode durar máis tempo. A actividade política como acción de goberno da cousa pública obriga aos populares a sentarse a falar e deixar aparcados os vetos. Esperemos acontecementos.

Te puede interesar