Opinión

Vivir fora da realidade

Moitas veces, cando escoitamos declaracións de altos cargos políticos do Estado sobre asuntos que nos afectan grandemente, intuímos, que istes señores ou falan por falar, ou viven noutro mundo e están alleos ós problemas que temos a maioría dos cidadáns. Iso si, sen descartar que ó mellor, despois de ter tanta titulitis e currículo, non sexan tan listos como se pensa, ou pola contra, como están montados no machiño, defenden sempre as posturas do Goberno por moi disparatadas que estas sexan. 

O certo é que hai uns días o xefe do Banco de España, falando sobre o poder económico dos pensionistas, soltou aquelo de que moitos teñen vivenda propia. Polo tanto deixou entrever que non se queixen ou, se o prefiren, que paren de chorar. Ben é verdade que logo quixo emendar o disparate animando a facer plans de xubilación. E claro, despois de escoitar tal desafino un pensa que poden acontecer dúas cousas: este señor ou vive no mundo de Yupi ou está falando do que non sabe. Pois se un número importante de pensionistas teñen vivenda en propiedade é porque a pagaron co seu sudor, a herdaron dos seus ou o que sexa, pero o feito de tela xa implica pagar impostos. Polo tanto, todo legal, si ou non?

Seguindo cos disparates destes persoeiros, o ministro Montoro non quedou atrás cando dixo: hai que modernizarse pois o índice ó consumo non pode ser o baremo para medir a revalorización das pensións. Agora, segundo afirmou, a evolución das pensións soamente se medirá en base ó crecemento da economía. E a pregunta está servida: pero a economía do Estado non está medrando máis dun tres por cen dende hai varios anos? Alomenos iso é o que din o Goberno e as estatísticas que manexa.

Cada día que pasa queda máis claro que o goberno de Rajoy camiña co pé cambiado. Está un tanto desnortado polas dúas mobilizacións que lle están a caer enriba. Primeiro a dos pensionistas, onde ten un grande caladeiro de votos. E onde fixo moitas promesas que agora non cumpre. Moito bla bla bla na oposición e agora que? Ben sei que é preciso un grande acordo para manter seguras as pensións do futuro. Pero este Goberno coa súa reforma laboral precarizou todo e soamente trouxo incertidume despois de valeirar a caixa que tiña arriba de 68 mil millóns de euros. Por iso, como vivimos nun estado de dereito, está obrigado a manter estas prestacións e non depauperalas ou diminuilas. A sociedade liberal sen ningún tipo de control económico, carga sobre a maioría social o peso do funcionamento do Estado, e socializa as perdas, mentres non entende de prorratear o reparto da riqueza.

As chamadas de Rajoy a oposición pra que lle dé osíxeno e lle permita aprobar os presupostos son a mostra da precariedade e debilidade dun Goberno ó que se lle abren dúas fendas máis: a dos pensionistas e a da igualdade salarial das mulleres. No primeiro caso, a carta que mandou a ministra resultou ser insultante para a gran maioría dos que cobran unha pensión. E no segundo, a nosa sociedade esixe a máxima igualdade de dereitos e oportunidades, cousa que o Goberno non parece gustarlle moito. Avecíñanse tempos de crise e quen sabe se non de eleccións anticipadas, dado que este Goberno vive arredado da realidade social que soportamos os cidadáns.

Te puede interesar