Opinión

Vivir de ilusións festivas

Vivimos un tempo no Concello no que a fuxida cara adiante só oferta luces e festa, e onde hoxe manda o decibelio e o barullo chocalleiro. O obxectivo é tapar as grandes carencias e entreter ó persoal irreflexivo; todo co único afán de seguir montado no machiño. A política local dirixida ós cidadáns para que so vexan o artificio e a envoltura externa é o que hoxe manda; todo para agochar o desgoberno, a ausencia de proxecto e, polo tanto, deixar a casa de todos peor que antes da chegada de Jácome.

Ás veces, ate penso que milleiros de ourensáns estamos ceguiños e choscos, pois non fomos capaces de entrever a situación e deriva do que se viña enriba de nós. Xa sei que ós máis novos, o da festa e o das luces e charangas vaille. “mólalle”. Eles non albiscan o que se agocha tras desa decisión. Mais o que me parece algo arrepiante é que o groso da cidadanía non saiba distinguir o grao da palla; a charlatanería e o zafio impúxose ó sensato; o comedido e racional, ó irracional e a mala educación, ó saber estar e ó dialogo civilizado.

Ourense precisa representantes políticos que, ademais de seren bos xestores, teñan un proxecto de cidade e sexan bos embaixadores desta urbe. Ourense precisa quen poida ir á Xunta e ós Ministerios e acadar inversións sen que lle pechen as portas por non teren creto e actuar como un chachaveco que chegou a ocupar o poder.

Con todo, celebro que persoas serias que foron vilipendiadas no seu día, que foron machacadas pola quentura dunha xuiz, teñan o valor de volver a carreira electoral. O tempo dos experimentos con gaseosa ten que rematar. E esta páxina escura e tristeira debera darlle paso á das persoas sensatas que, con diferentes opinións, saiban chegar a acordos no fundamental, e polo ben da cidadanía afronten as graves carencias e problemas que hoxe están á espera de solucións. E así, rematar co despilfarro económico do momento actual.

A democracia é un réxime que ten moitas debilidades, e unha forma de goberno que permite que ate os charlatáns coa faciana oculta se vistan de demócratas e den o pego. Ise é o caso de Ourense. Nos anos setenta do século pasado, moitos pensabamos que coa chegada da democracia todos seríamos máis cultos e máis intelixentes. Mais, pasados os anos, percibo que o papanatismo revestido de trolas, medias verdades e moita charlatanería aniñou nesta cidade e chegou ó poder apoiado por un grupo político que agora síntese enganado e non sabe como despegarse desa responsabilidade.

Agora que se achega o tempo do Nadal, no que o consumismo axita ó noso caletre e a fantasía ilumina as nosas rúas, é o tempo dunha boa reflexión en todos os sentidos, incluíndo o político. Logo, cando espertemos en xaneiro, decatarémonos de que vivir de ilusións festivas e do faroleo só é un conto que nos levará a entrar nunha grande decepción ética e económica. Hoxe todo é festa, todo é verbena e todo é ledicia para contentar á parroquia ourensá. Arcos imitando ó estilo gótico moi esaxerados iluminaran uns días o Paseo. Mais todo será irreal. Unha fantasía vacua de contido. Logo, cando pase a quentura, o Entroido e as demais festas, vira á débeda e o paquete que deixa quen hoxe desgoberna o Concello. E se non... ó tempo.

Te puede interesar