Opinión

Volve o Torrevella

No medio de novas cargadas de incertidume sobre o que acontece no mundo, e dentro del en Venezuela, co desexo de que haxa eleccións libres e se arranxe o asunto, escollo o camiño local para falar do que teño máis preto da casa. Si, desas cousas pequenas que o acontecer trae e que case sempre son motivo de ledicia, pero que pasan sen pena nin gloria. 

Foi no ano de 1985 cando a Asociación veciñal San Breixo de Seixalbo empezou a súa andaina vital. Aínda que nacera anos atrás pero estivera invernada. Ate aquela data, eran os chamados pedáneos nomeados polo alcalde da cidade os que servían de canalización das necesidades do rural ourensán. Eran homes bos, pero o seren nomeados polo dedo amigo do rexedor, estaban faltos de apoio reivindicativo, cuestión esta que foi aproveitada polas A.VV. para abrirse camiño.

Moito choveu dende aqueles anos. Moitas cousas trocaron para mellor nesta antiga Vila e Couto. Con todo, cubertas as reivindicacións máis importantes como era a sustitución do saneamento e enlousado antigo en todo o conxunto e un longo etc. naceu un boletín trimestral que bautizamos co nome de Torrevella en lembranza dunha torre que existiu nun alto entre Zaín e Seixalbo, onde un tóponimo lle dá nome ó lugar, pois aínda hai vestixios de tal construción. 

Cabe lembrar que, daquela os medios que tíñamos para a edición daquel folleto de máis de 16 paxinas, non eran os que hai hoxe. Todo era moito máis artesanal e complexo. Con todo, co esforzo de Juan Pérez Ferraz e Maga Pazo entre outros, nos quince números que se editaron aflorou a vida dunha comunidade vital moi ignorada na cidade. Unha comunidade que tiña vida propia, unha historia singular e que mantiña unha dinámica interior que aínda hoxe pervive e funciona.

O boletín tiña unha editorial, unha guía de contidos, un apartado de novas, outro de opinión e tamén entrevistas coas persoas maiores que se consideraban sabedores de moitas das historias por seren a memoria do lugar. Por razóns nunca aclaradas, dende 2002, cando a presidencia da asociación muda e aparece outra directiva, esa publicación e outras que se fixeron, pasaron ó esquecemento e quedaron soamente como un recordo na memoria dalgúns. 
Agora, despois de máis de 15 anos, renace esta publicación pola iniciativa de Xoxé Carballido e a directiva que preside. E aínda que, desta vez, sae cun relatorio das actividades que anualmente fan todos os entes asociativos en Seixalbo, é un motivo de ledicia. Esperemos que este boletín vaia tomando forma e trimestralmente volva recoller non só os feitos desta nosa vila, senon que aspire a ampliar o seu contido e tome outra dimensión neste Ourense tan aterido no cultural e no reivindicativo. E así poder manter e aumentar as iniciativas que neste núcleo existen e das que sempre é bo que quede constancia para o futuro.

Te puede interesar