Opinión

Xogando con lume

Opinión

Xogando con lume

Hai quen estando no Goberno, que é un órgano colexiado, xoga a ser oposición animando e incitando co silencio protestas na rúa. O obxectivo é apuntarse vitorias a costa de radicalizar a sociedade. E pra acadar tal cometido, falan da falla de liberdade de expresión e focalízano nun señor que proclama a violencia como método político; ameaza a persoas coa morte e é reincidente no tema. Xa non digamos que o que canta -verbas animadas por un ritmo machacón e cansino ó que algúns pretenden chamarlle arte-, non deixa de ser un xénero de moi nula calidade musical e, polo tanto, unha linguaxe merdenta e chocalleira. 

Diante tal panorama, xurde unha pregunta: hai que amparar o insulto, a ameaza e o vandalismo nunha sociedade democrática baixo o paraugas da liberdade de expresión? E, en aras desa liberdade, pódese xustificar a violencia contra entidades públicas, persoas e bens privados? É normal pertencer a un goberno sen condenar esa violencia? Estas son preguntas que esperan unha reflexión e unha resposta moi clara. 

Dende que o sr. Iglesias dixo que había que normalizar o insulto, moitos pensamos que hai dirixentes políticos que, co afán de protagonismo e de acadar máis votos en río revolto, perderon o norte. Pois pretenden acadar obxectivos políticos á forza de rachar escaparates, saquear comercios, etc. e iso é ir contras as normas básicas da mesma democracia. Mais, rizando o rizo das contrariedades, estes mesmos apóstolos da retórica incendiaria din que hai que controlar á prensa pois parece que as críticas fanlle dano. Pena que o Goberno actual teña que depender dos votos destes individuos.

Que hai que modificar a lei pra impedir que a liberdade de expresión non sexa coartada parece que si. Pero que ninguén se engane, a liberdade de expresión tamén ten límites e liñas roxas. Unha sociedade non pode estar guiada pola lei da selva. 

Moitos dos que agora calan e non se pronuncian contra a violencia; moitos que falan de rematar co fascismo, esquecen que neses extremos practícanse tamén as barbaridades máis grandes contra a liberdade. Xogan co lume estes que pensan que todo o que hoxe temos é unha merda, cando non viron ó que custou acadalo.

Os líderes que non condenan a violencia, ou que agora o fan entre dentes, cometen un erro que seguro lles pasará factura en próximas convocatorias electorais. Que a democracia neste Estado ten eivas, pois si. Que hai que corrixilas, tamén. Mais afirmar que non é un estado democrático é faltar á verdade. Sobor de todo cando estes apóstolos non critican o que acontece en países onde si encadean a persoas polo mero feito de criticar ó goberno ou pensar diferente ós que mandan.

Xogar co lume e co silencio, xustificar o vandalismo, é un mal consello que pode levar a que estes novos dirixentes salgan nun futuro queimados. Esperemos e vexamos o que acontece, mais por este camiño imos mal.