Opinión

A xuiza e o xusticieiro

Non hai moitos anos, unha xuiza que viu pisos no Brasil e mil historias ilegais que fabricou na súa imaxinación, e que a maioría quedaron en nada, co seu afán xusticieiro desfixo unha corporación municipal que funcionaba e sementou dúbidas sobre a honorabilidade das persoas que a compoñían, especialmente sobor do alcalde. Aquela decisión deu esaxerados titulares de prensa. Tamén amosou a infantilidade e precipitación dos grupos políticos que formaban o goberno.

Por aquelas datas xa andaba a predicar un xusticieiro con verborrea incendiaria que acabou levando ós tribunais, sen probas, a moitos dos que formaron aquela corporación. Estas cuestións, axudadas por un medio de difusión do que é propietario tal persoeiro, crearon un ambiente que desprestixiou á institución e o goberno do concello. E dende aquela, instaurouse a idea de que nesa casa de todos todo funcionaba moi mal e os que gobernaban pouco menos que son uns desalmados.

Logo, este persoeiro, durante catro anos, boicoteou ó alcalde de turno impedindo facer uns presupostos e, seguindo coa verborrea incendiaria, non deixou títere con cabeza sen criticas e menosprezos que sempre rozaban o insulto. Posteriormente, sendo o cabeza de lista da terceira forza política, por esas cuestión de que o segundo grupo precisaba os votos para salvar a cadeira de mando provincial, esquecendo promesas electorais, accedeu á alcaldía. E agora, na poltrona, presentou balance do seu primeiro ano de mandato. E segundo dixo puxo en marcha un concello totalmente paralizado, atribuíndose a nota dun nove sobre un dez. O demais xa se sabe: promesas, cada semana unha, e ocurrencias a eito. Iso si, moitos asesores con bo salario incluíndo, segundo se di na rúa, pagarlle do erario ós que traballan nese medio informativo.

E nesas andamos. Se os catro anos co anterior alcalde foron un tempo perdido, pois sumémoslle un ano máis a lista e xa son cinco. E seguimos. O Concello de Ourense camiña sen rumbo; camiña á deriva sen ver seriedade e sen ter visos de que se pode endereitar o barco que agora está nas mans dunha maioría que nin comparece conxuntamente para valorar o primeiro ano dun experimento que deprime a moitos ourensás. Parece que no goberno, o primeiro edil soña con deixar obras que marquen o seu paso pola alcaldía, mentres todas as promesas que fixo diante os cidadáns caeron no caixón do lixo, na renuncia servil; pois o importante era acadar ó poder. O demais, levouno o vento.

E diante un panorama onde se anuncian obras que nunca estiveron na previsión dos grupos políticos e nunca se reclamaron polos cidadáns: obras que pretenden ser bandeira dunha ilusión que se esvaece día a día, Ourense morre paseniñamente. O mantemento diario das rúas e de lugares simbólicos como o Posío e outros parques non existe. E moitos cidadáns preguntamos: onde están as forzas vivas desta Auria tan críticas e belicosas noutra hora, para reclamar e esixir cordura e deixar de ser un concello onde, día si e día tamén, somos mofa por ter no poder a quen desprestixia a institución, dilapida cartos colocando ó grupo de amiguetes, e actúa como se fora un neno que ten un xoguete que manexa ó seu antoxo? 

En fin, isto que digo aconteceu nesta nosa Auria, onde todo está por facer e onde, pola actuación dunha xuiza e outros persoeiros que non nomeo, chegamos ate esta situación. Esperemos que un milagre nos faga recuperar a ilusión polo ben da cidadanía en xeral.

Te puede interesar