Opinión

1º de Maio, pandemia e dereitos laborais

Esta vai ser a primeira vez, dende o remate de ditadura, que no Día Internacional da Clase Traballadora non se realicen manifestacións a prol dunhas condicións laborais dignas, será por mor do confinamento sanitario a causa da pandemia do COVID-19. Lembremos qu houbo que esperar até o 1978 pra que se puideran celebrar con normalidade as mobilizacións do Primeiro de Maio en toda a Galiza.

Con anterioridade, no ano 1975 fixéronse algunhas accións esporádicas en distintas cidades. No ano seguinte a participación sería maior, e os xornais destacan que na praza de San Lázaro en Ourense  reuníronse medio milleiro de persoas, e que se fixeron identificacións. Non foi así en todas partes: a policía cargou contra as mobilizacións en Vigo e Ferrol. No ano 1977, malia presidir o Governo Adolfo Suárez houbo de novo cargas e detencións contra as manifestacións na Coruña e Vigo.

Que o presente ano non se poda realizar a manifestación do 1º de maio non se pode considerar unha anécdota, máxime cando, pra alén das redes as noticias laborais son moi breves e poucas nos medios hexemónicos, e valóranse como un feito secundario respecto dos efectos económicos da pandemia. Asemade, non se pode obviar, que mobilizacións e outras accións reivindicativas son esenciais pra defensa dos dereitos da clase traballadora. E este aspecto ten unha maior relevancia  neste contexto de ERTEs masivos e polo atraso do cobro das prestacións, ao que se lle engade unha morea de despedimentos, especialmente de persoas con contratos temporais, así como todo tipo de situacións irregulares, por exemplo ter un ERTE e seguir realizando traballos na empresa.

Evidentemente esta é unha situación excepcional, porén quen teña un mínimo coñecemento das relacións laborais sabe que cómpre reforzar as inspeccións de traballo e aumentar o cadro de persoal nas oficinas de emprego. Fíxose na sanidade, directamente atinxida pola pandemia. Por que non no eido laboral afectado directamente por mor do peche de empresas e a redución das vendas en sectores importantes? Por se non abondase o ámbito xudicial nesta materia está invernando. Sei que os prazos están conxelados, porén isto non pasa coas necesidades de ingresos cando se trata de traballadoras e traballadores que viven ao día (ou hipotecados); e son unha porcentaxe moi alta.

Neste contexto excepcional e complexo, co dereito de mobilización e reunión conxelado, é razoábel que a CIG realizase concentracións o pasado xoves pra chamar a atención sobre a situación laboral. O razoábel sería que o Governo central e a Xunta de Galiza dotasen ás centrais sindicais medios axeitados pra manter a súa función social, en coherencia co argumento, cando convén, de que son un dos piares da democracia (por exemplo outorgando espazos especiais a cada central nos medios públicos de comunicación). Que non se tomaran estas medidas básicas, neste período de emerxencia, seguramente será aplaudido pola dereita e o capital; porén resulta contraditorio coa mensaxe que adorna os discursos da socialdemocracia. A menos que á hora da verdade exista medo de que a clase traballadora chegue con voz propia á maioría dos fogares, a través dos grandes medios, pra alén dos breves habituais e das análises parciais?

A pandemia acelerou unha crise do sistema que se anunciaba nos últimos anos, que deixa ao descuberto a onde nos leva a cobiza e especulación, privatizar e precarizar todo, e deslocalizar a produción. O confinamento é un medio pra combater o COVID-19, non pode servir como escusa pra desposuír á clase traballadora durante meses dos seus únicos medios de defensa, a palabra e a mobilización de masas en todas as súas formas. Estes son momentos nos que se decide o futuro, non poden ficar monopolizados polo diñeiro e outros poderes fácticos.

Te puede interesar