Opinión

A nova política

Pra alén das intencións e da orixe os novos e vellos partidos deixaron nun segundo plano a participación da xente na política, adicándolle todo seu esforzo ás tarefas nas institucións e aos medios de comunicación. Daquela que a militancia dos partidos xogue un papel secundario, en beneficio do/da líder, abrindo unha fenda entre as organizacións de masas, especialmente as do ámbito sindical, e as forzas políticas. Non é unha novidade, xa a Internacional sinalaba os perigos dos “salvadores supremos”. Sen dúbida este é un dos factores que dan pulo á demagoxia e a un xeito patrimonial de facer política.

Como exemplo temos a Trump que centrou a súa campaña en “Estados Unidos primeiro”, como se non fose así dende hai décadas, por mor da súa agresiva política exterior. Ou a Macri, que ao asumir a presidencia gabouse de que “Arxentina ia entrar no mundo”, como se subirse ao tren do imperialismo evitase o papel subalterno. Estas consignas simplistas expresadas coa soberbia do triunfador individualista tamén están presentes no Estado español, sobre todo nos partidos sistémicos, aínda que non en exclusiva. 

Un dos casos que destaca é o de Abel Caballero, o alcalde de Vigo, máxime cando foi quen de obter 20 dos 27 concelleiros da cidade nas eleccións (aínda que non acadase a maioría dos votos das persoas que tiñan dereito a exercelo). Non se lle poden negar méritos, sempre está ao ataque e presente en todo tipo de eventos, ou sexa, curra o posto, e agora ademais presume de que grazas a el Vigo está no mapa, e destaca que se debe moi especialmente ao grandioso do espectáculo das luces de nadal. O discurso debe calar porque, pra non ser menos, a Xunta de Galiza pactou con Audasa encher de luces a Ponte de Rande nas festas de fin de ano. En Vigo son dez millóns de luces led ¿cantas serán en Rande? Mesmo sabendo que consumen menos que as incandescentes: non será un despropósito cando vai contra o aforro de enerxía que é vital pra protexer a natureza? Por se non abondase trátase dun gasto que supera o millón e medio de euros, pra un concello no que existen 23 mil persoas paradas e 60.000 por debaixo do chanzo de pobreza. 

Non se trata de suprimir as luces de fin de ano, porén, deberían existir criterios máis racionais nos que se repartan mellor os sempre escasos recursos, por exemplo, aumentando o cadro de bombeiros e construíndo novas garderías. Dise dende o PSOE local que este espectáculo de luces e outros engadidos foi visitado por 2 millóns de persoas o pasado ano, garantindo o crecemento da hostalería e comercio. Aínda quen non din de onde obteñen este dado, que todo reflicte é unha esaxeración. 

É verdade que os turistas e pernotacións medraron un 30% en decembro de  2018 en relación co ano anterior, chegando a 33.217 persoas e 58.234 pernotacións, no que incidiu o medre do turismo en xeral e o espectáculo das luces. Porén, até os dous millóns hai moito treito que percorrer. Pra non utilizar un hotel terían que ser persoas da cidade e de comarcas próximas, e os dados que se dan son desproporcionados. Non parece serio multiplicar artificiosamente as cifras, convertendo nun irreal triunfo económico o que foi un éxito de público pra o tamaño da cidade. Claro que unha valoración correcta implica aceptar uns efectos económicos limitados, e só nalgunhas zonas, sen capacidade pra axer como mecanismo dinamizador do emprego na cidade. 

Vigo é unha cidade de traballo, coñecida pola súa industria e capacidade mobilizadora, por ser o primeiro porto pesqueiro, por ter paraxes como as Cies, pola reconquista, pola folga de setembro de 1972, por ser a maior cidade de Galiza. Parécelles pouco! O PSOE debe aclararse: cidade espectáculo con 60.000 pobres, ou aposta pola industria e tecnoloxía, a cultura e o País.

Te puede interesar