Opinión

A política como marqueting

Neste intre histórico están moi agudizadas as contradicións, poñendo en cuestión os partidos e liderados políticos. A alta taxa do paro, mesmo que se reducise ultimamente, o medre da precariedade e os baixos salarios, así como a crise de moitas pequenas empresas e dos autónomos, do mundo rural e pesqueiro, implica que o 47,82% dos fogares galegos teñan problemas pra chegar a final de mes. Ao que cómpre engadir a presión cultural e lingüística foránea que desarticula a sociedade, a deformación e negación da propia historia, o medre da violencia, a desfeita ecolóxica, e o choque entre potencias. 

Neste contexto hai que inserir a fragmentación política, hoxe moi estendida no mundo. Nuns casos, porque os partidos dedicáronse a xestionar o crecemento da desigualdade. Noutros casos, porque as medidas que tomaron foron insuficientes pra evitar os efectos da globalización neoliberal. E, por se non abondase, aínda que hai excepcións significativas, moitos partidos da oposición, mesmo cunha historia combativa e linguaxe radical, terminaron predicando reformas mínimas, funcionais ao sistema, que non permiten albiscar ás clases populares un traballo digno, o fin da corrupción e da especulación, e que se garanta a soberanía popular e nacional. Daquela que a abstención teña un maior peso nas clases subalternas e na mocidade. E que, segundo o CIS, un 55,65 % das persoas na Galiza non teñan aínda decidido por quen votar, ou optan por facelo en branco ou se abster. 

Esta tendencia confírmase nas mensaxes que os líderes dos principais partidos políticos do Estado  recitan nestas eleccións. Discursos nos que os simplismos substitúen calquera razoamento e análise sobre o programa e a folla de ruta. Discursos que aparcan os problemas que máis lle preocupan aos/as votantes. Daquela as incoherencias de relatos cheos de proclamas e carente de artellamento coa conxuntura. Como no caso de Casado sobre o salario mínimo (SMI). Non é de estrañar, porque tanto o PP como Ciudadanos están a competir pra se facer coa base de estrema dereita, deixándolle ao PSOE todo o centro político; se cadra porque senten como propias  moitas propostas de Vox. 

Neste marco tan complexo e dinámico danse as contradicións de Núñez Feijóo respecto das propostas que realiza o PP. Por exemplo, cando bendice que se conxelen as competencias das nacionalidades e autonomías. Matizando as pretensións de Casado que, como Ciudadanos e Vox, quere re-centralizar competencias actuais e subordinar as linguas das nacionalidades. Un tema no que o presidente da Xunta debería ter máis firmeza e coherencia, máxime cando se trata da identidade galega e hai pouco dicía que, de se transferir novas competencias a Cataluña, el exixiría a mesma actitude con Galiza. 

Dar por rematadas as transferencias co traspaso da autoestrada AP-9, como propón Feijóo, nega ao noso país mecanismos económicos e doutro tipo que son esenciais pra desenvolver proxectos cos que evitar (ou cando menos atallar) un contexto tan negativo. Unha tendencia adversa que se alenta a través da economía de escala, e das decisións dos centros de poder externo, que centralizan e concentran poder e riqueza. Imposicións foráneas que son a principal causa da emigración, dos baixos salarios, da desigualdade e da caída demográfica. Evidentemente non son o único atranco, tamén existen eivas propias, de mala xestión, de seguedismo, de falta de alternativas. 

Nun mundo que sacraliza a competencia sempre estaremos hipotecados dedicándonos a xestionar as decisións externas e focalizando as solucións nas grandes corporacións do interior, ou facendo política de marqueting. Non abonda con enunciar os dramas dun povo, nen esperar que as solucións veñan de fóra, cómpre darlles resposta, e neste aspecto ter as máximas competencias é esencial. 

Te puede interesar