Abanea a realidade electoral

Abanea a realidade electoral

Esperar que as eleccións municipais, autonómicas e europeas, sexan unha copia das xerais non responde ao acontecido en procesos anteriores. Hai un sector moi comprometido cun proxecto político determinado, mais unha parte do electorado muda o voto, na procura de que este teña unha maior “utilidade” no ámbito electoral de que se trate. Agora ben, dado que as últimas eleccións están aínda tan quentes resulta obvio que terán moita incidencia, máxime cando están abertos tantos espazos de disputa, e Vox é visto como unha ameaza pola maioría dos votantes. Polo tanto semella lóxico que estas eleccións sexan olladas como unha segunda volta, onde a esquerda disputa a maioría coa dereita; esta última confronta entre si pola hexemonía; e dentro da primeira a socialdemocracia, a nova esquerda e o soberanismo, procuraran consolidar ou non perder espazos.

A enquisa do CIS indica unha repetición dos resultados das xerais, con moi poucas variantes, e con varios interrogantes: quen governará e con que coalición en Madrid e Barcelona, e que sucederá en Navarra e na Comunidade de Madrid? En calquera caso todo indica que o PP perderá poder institucional, a cuestión é canto, e se Ciudadanos queda por detrás do partido de Casado. O desastre producido polo xiro do PP cara a dereita é evidente, daquela as criticas neste intre de Núñez Feijóo, e o rápido viraxe á moderación de Casado, desesperado por frear a caída. Se o consegue só será parcialmente. Hai cambios no discurso que son pouco críbeis, máxime cando a escenificación de aproximación á estrema-dereita foi tan contundente e simbólica.

O presidente da Xunta conta coa aparente vantaxe de que as eleccións galegas son o vindeiro ano, porén, se os resultados nas municipais son malos, e queda por debaixo do PSOE en número de votos, ou perde Ourense e grandes vilas, reconverter a tendencia seralle practicamente imposíbel. Lembremos que no ano 2015 sacoulle 9 puntos aos socialdemócratas, e que Ciudadanos non chegou ao 2% dos votos e Vox nen sequera se presentou. Ademais, a participación foi moi baixa, un 66% do electorado. Desta volta hai moito en xogo, polo que a votación será máis alta, o que en principio debería favorecer á esquerda, estatal e nacionalista, dado que agora a dereita está dividida, aínda que na Galiza sexa en menor medida. 

Todo fai pensar que tanto o PP como ese océano de siglas que son as mareas, agora aglutinadas principalmente nas mareas das cidades e en Podemos+EU, van perder apoios en beneficio do PSOE, como reflicte a enquisa do CIS. A incógnita é: até que punto esta dinámica remará a prol do BNG, despois de que avanzase nas eleccións xerais e sumase 40 mil votos máis no Senado que no Congreso? Asemade, non se debe esquecer que a fronte nacionalista presentase en case que 250 concellos, e que nas eleccións de 2015 foi a terceira forza con 190.000 votos. Unha posición que todo indica vai revalidar. Agora ben: Recuperará a representación en Ourense e Vigo? Manterá as alcaldías que ten? Todo fai pensar que estas preguntas terán unha contestación afirmativa. Algunha enquisa xa dá por feito que acadará representación en Vigo. 

Malia que seus resultados nas eleccións xerais foron insuficientes pra conseguir deputados/as, en perspectiva política o BNG saíu fortalecido como referencia do soberanismo galego, ao medrar respecto de 2016. Ademais da súa ampla base organizativa, o diferencial de votos obtidos respecto doutras opcións nacionalistas, como En Marea, é significativo. Polo que danse as condicións apropiadas pra que tome a iniciativa co fin de reagrupar o soberanismo, aínda que leve tempo, e supoña artellar novos xeitos de traballo unitario. E este é un dos escenarios que se abre nesta convocatoria; o outro: é o inicio da precampaña prás eleccións galegas.