Opinión

Abriuse unha fiestra, mais con moitas incógnitas

O resultado das eleccións locais marcan un antes e un despois pra o PP, xa que ademais da perda de poder municipal e autonómico, todo amosa que acontecerá o propio nas xerais. Non se trata dunha revolución, nen dun cambio sistémico, nen sequera da destrución definitiva do bipartidismo, que mesmo pode reaparecer configurado agora con catro patas. Porén, o certo é que se abriu unha fenda política importante, que cuestiona cando menos a dureza das medidas coas que se quere superar a crise dende as forzas sistémicas. Unhas medidas regresivas pras clases populares, e en beneficio duns poucos, que cada vez son máis ricos ou reciben remuneracións máis altas.

Asemade, a derrota do PP dá folgos no imaxinario colectivo a albiscar o final dos axustes e poder recuperar conquistas roubadas. Ou sexa, que se abre un novo período dentro desta conxuntura, no que medra a pluralidade política, a esquerda como tendencia, dando máis espazo pra que se escoiten as reclamacións das clases populares. Un tempo que alentará ademais a mobilización social, especialmente no ámbito laboral. E, dende o meu punto de vista, este último aspecto, hoxe moi opacado polo debate electoral e o institucionalismo, tamén por loitas moi illadas e defensivas, pode ter máis unha vez un forte protagonismo nos vindeiros anos, mesmo sabendo que o tecido económico e a enorme man de obra de reserva condicionarán os conflitos.

No ámbito institucional, o avance das mareas nas cidades e algunha vila é significativo, amosando que recollen o descontente social fronte aos axustes e a corrupción. Mais son moitas as incógnitas sobre o seu futuro e sobre a súa capacidade pra realizar transformacións. As primeiras dúbidas aclararanse nas vindeiras semanas cando teñan que pactar cos partidos da “casta”, e nos vindeiros meses cando se vexan obrigados a cumprir as promesas que fixeron de cambio radical, aínda que se mantivesen na indefinición na ideoloxía e na cuestión nacional. E por se non abondase co anterior, o seguinte reto serán as eleccións xerais, nas que se deben definir entre un proxecto de ámbito galego ou outro estatal. E neste último caso, se pactan con EU ou se integran en Podemos. Diante da proposta de Beiras de formar unha marea baseada en Anova e EU, aberta a outras forzas semellantes no resto do Estado pra reformar a Constitución, Podemos acaba de contestar que esa proposta ten que partir deles. Comeza xa a disputa de hexemonías e protagonismos.

Tanto o PSOE como o BNG teñen tamén por diante os seus retos. O primeiro quere casar o imposíbel: manter as prestacións sociais e dereitos democráticos sen confrontar cun modelo económico e social que é funcional á centralización e concentración da riqueza e do poder. Pola súa banda, o nacionalismo debe mellorar a comunicación coa sociedade. E nisto último, teñen importancia os referentes persoais, especialmente cando se concentra a representación. Na escolla non abonda coa fidelidade ao proxecto, nen a formación. Hai que engadir a capacidade pra transmitir emocións e ideas forza. O BNG tivo uns resultados aceptábeis desde os que pode avanzar, xa que inverteu a tendencia dos últimos anos, ao conseguir 190.000 votos, un 13% do total. Asemade, neste novo escenario vai medrar a mobilización social, e tamén o debería facer o protagonismo político do nacionalismo. Mais, o retroceso en varias cidades e á perda de representación en Vigo e Ourense, aínda que poida ter claves locais, sinala eivas de divulgación do proxecto que debe solucionar.

En resumo, unha viraxe á esquerda, escenario moi axitado e dinámico, recuperación da mobilización e moitas incógnitas sobre as forzas emerxentes que só a práctica pode aclarar. E todo isto nun contexto onde o poder económico é máis forte ca nunca.

Te puede interesar