Acordo positivo sobre as competencias

Acordo positivo sobre as competencias

O acordo do Parlamento Galego, na Comisión de Institucional, dos catro grupos con representación, que insta ao Governo español a negociar o traspaso das competencias pendentes, e que o nivel competencial sexa semellante ao de Cataluña e o País Vasco. O texto partiu dunha dunha iniciativa do BNG que foi emendada polo PP. O acordo é un paso positivo, non só polo que implica pra poder avanzar no autogoverno (aínda que fiquemos neste aspecto nunhas condicións moi básicas), senón porque ademais a decisión ten neste intre un carácter simbólico. Lembremos a proposta de Vox pra eliminar as autonomías, e por parte do PP e Ciudadanos pra recentralizar as dúas das principais competencias: sanidade e ensino. Deste xeito, como indican varios medios e analistas, o PP galego desmarcase da proposta de Casado que aposta por manter as autonomías só como un cascaron carente de contidos. 

Polo tanto todo indica que se trata dunha decisión meditada por parte do PP galego, xa que implica contradicións sobre a liña marcada dende Madrid, que veremos como a xestionan, e que busca recolocarse nun contexto distinto ao dos últimos anos. Un escenario no que o Governo do PSOE quere calmar a cuestión nacional mediante a transferencia de novas competencias e un reparto distinto dos recursos, e un aumento de medios económicos a Cataluña ¿buscando un novo punto de encontro ou simple postura electoral? Así como as negociacións de 33 novas competencias a Euskadi. En calquera caso marcan unha nova etapa, que se mantería durante os vindeiros anos, de non se convocar eleccións anticipadas. 

É lóxico de que existan dúbidas sobre se a postura dos conservadores non é puramente táctica, tendo en consideración que contrasta coa súa mensaxe e xestión na última década. Con estes acenos coidan non perdería a súa imaxe na Galiza de partido de conservador de centro e afastado de posturas rupturistas co modelo imperante, que tantos réditos electorais lle dá no pequeno empresariado, cargos de dirección e intermedios, autónomos e pensionistas. A súa mensaxe de fin de ano co cadro de Castelao ao fundo pretendía reforzar esta imaxe, mesmo ligándoa a un galeguismo moderado participando da homenaxe a Rodolfo Prada.

Estas iniciativas, pra alén do carácter táctico ou oportunista, fortalecen a centralidade de Galiza como suxeito, co que isto implica na formación da conciencia colectiva, máxime cando todas as forzas políticas asumiron reivindicar que o noso país teña as mesmas competencias que Cataluña e Euskadi, governadas por forzas soberanistas. Cumprir coas expectativas espertadas será un novo reto pra o PP e pra o PSOE, que teñen que xestionar as contradicións producidas polo papel subalterno do noso país, e consecuencias (caída da povoación, perda de peso do PIB, baixos salarios e pensións, etc.). Unha contradición que se acentúa polas súas complicidades e a subordinación a partidos dirixidos dende Madrid. Mais, o importante deste acordo parlamentar é que se trata dun paso adiante. E o camiño faise andando e ollando cara o futuro. 

Evidentemente a iniciativa do Parlamento non vai cambiar radicalmente a realidade económica e social, nen evitar o peche de Alcoa e Meirama, os graves problemas en Vulcano e Maderas Iglesias, as eivas no sector sanitario e a falta de alternativas a prol do rural e da transformación integral da produción primaria. Asemade, unha boa parte das competencias foron baleiradas de contido pola transferencia á Unión Europea, a recentralización coa lei de Mercado Único, ou polas imposicións disciplinarias da Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia, en beneficio das grandes corporacións. Polo tanto o debate de alternativas e de modelos económico-social, de capacidade de decidir, segue igual de presente, e resultará fortalecido.