Opinión

África, independencias hipotecadas

Ogolpe de estado dado polo exército en Malí, seica na procura de recobrar a soberanía, dáse nun país en guerra co terrorismo e cunha gran presenza de tropas estranxeiras, especialmente de Francia e tamén do Estado español, ademais puxo en primeiro plano o papel subordinado desta rexión. Unha dependencia que deixa en evidencia que nunca rachou totalmente coa dependencia colonial, xa que esta colleu de novo forza coa caída da URSS, o auxe da globalización neoliberal, e o recuar do protagonismo da clase traballadora e dos movementos de liberación nacional. A esta altura pódese dicir que aquelas independencias terminarían hipotecadas, e a cuestión da soberanía segue a ser un tema central. 

Lembremos que a descolonización de África foi un enorme paso adiante, e que concretamente entre o 1 e 17 de agosto de 1960, hai seis décadas, unha manchea de colonias francesas eran soberanas: Dahomei (Benín), Níxer, Alto Volta (Burquina Faso), Costa de Marfil, Chad, República Centroafricana, Congo francés e Gabón. Previamente xa conquistaran a emancipación Ghana en 1957, sometida a Inglaterra, e Guinea en 1958, colonia de Francia. Durante o resto dese ano e 1961 sumáronse á independencia outras colonias francesas e inglesas, así como italianas e belgas. 

No caso de Alxeria a liberación de Francia foi conquistada polas armas despois de 60 meses de guerra. As colonias portuguesas conseguirían a independencia na década dos 70, tamén despois de anos de conflito armado e da Revolución do 25 de abril na metrópole. Na colonia española do Sáhara Occidental o proceso de descolonización ignorou á povoación autóctona, e aínda hoxe continua o conflito derivado desta actitude, xa que se permitiu a ocupación por parte de Marrocos, co exilio da maioría dos habitantes do territorio. 

A liberación en moitos casos foi máis formal que real, xa que as colonias eran parte da cadea produtiva e carecían de capital e do persoal técnico necesario, polo que o neocolonialismo converteu en papel mollado a independencia. Reproduciuse a dependencia a través de: empresas trasnacionais, créditos “atados”, e o control tecnolóxico. Daquela que, como alternativa, foi importante a constitución en Bandung no ano 1961 do Movemento de Países Non Aliñados, que intentou aproveitar os espazos que deixaba un mundo dividido en dous grandes bloques. 

Como se ve, o fin da etapa colonial de case todos os estados africanos é moi recente, e polo tanto os aspectos negativos da dominación están moi presentes. Entre eles temos que salientar unha división territorial arbitraria que partillou etnias, verdadeiras nacións de millóns de individuos, e axuntou outras enfrontadas tradicionalmente, o que aínda hoxe é caldo de cultivo diante de calquera conflito interno pra orixinar guerras civís, fornecidas xenerosamente de armamento polas potencias do norte, e alentadas polos intereses económicos das potencias.

África negra, esa gran descoñecida, está conformada por nacións moi diversas, algunhas até fai pouco en estado tribal, porén outras construíron estados extensos e imperios (Benín, Ghana, etc) que comerciaban en ouro e foron centro de cultura (como Tombouctou). Estas nacionalidades habitan un continente con moitas riquezas, especialmente minerais, que son espoliadas polas grandes potencias, mesmo a costa de guerras con custes en vidas humanas inmensos e a desfeita ecolóxica. E mentres se fala de solidariedade e dánselle esmolas cunha man, coa outra, chuchásenlle enormes riquezas, recreando deste xeito o atraso e a dependencia. Por iso seguen tendo actualidade obras como o “Retrato del Colonizado” de Albert Memmi, “Los Condenados de la Tierra” de Frantz Fanon e “África debe unirse” de Kwame Nkrumah, que foi o primeiro presidente de Ghana. 

Te puede interesar