Opinión

Agro: desfeita 
planificada

Hai décadas que o sector agrario galego non convocaba manifestacións tan masivas e duradeiras no tempo, como as que está a realizar por mor dos baixos prezos do leite, que poñen en cuestión o futuro da maior parte das explotacións. Aínda que a asistencia é menos numerosa que noutros tempos, en comparanza, ten un valor cualitativo semellante ou superior se temos en consideración que o sector gandeiro perdeu a maior parte das granxas neste período. As case 10.000 explotacións que quedan na Galiza fornecen máis do 35% do leite do Estado español, e, malia as hipóteses do excedente pra argumentar o baixo prezo, reduciuse en 2014 a produción mentres que medrou en Castela a Mancha e Andalucía.

Todo fai pensar que este é un novo axuste pra adaptar o sector aos tratados de libre comercio en negociación, así como consecuencia da confrontación con Rusia (e os BRICS), que se entende estratéxica e que atinxe ás exportacións. Segundo di o profesor Bernardo Valdês da Universidade de Santiago de Compostela nun artigo: “O acordo do Conselho de Ministros de Agricultura da UE celebrado este 7 de Setembro reafirma a orientaçom das últimas reformas da PAC: liberalizaçom do mercado lácteo. Os ministros de agricultura dos Estados-Membros da UE nom se questionam as orientaçons que levárom a esta crise de preços no sector lácteo. Ao contrário insistem nessas orientaçons chegando a afirmar que os acordos de livre comércio que está negociando a UE, entre eles a Parceiria Transatlántica de Comércio e Investimento com os Estados Unidos, podem resultar positivos para o sector. Nada mais longe da realidade: sabemos que é precisamente a abertura do mercado comunitário aos mercados internacionais a que explica em boa medida a crescente inestabilidade dos últimos anos no mercado lácteo e a recente crise de preços”.

Os ministros de agricultura da UE acordaron adicar 500 millóns de euros, que sairán das multas por sobreprodución do último ano, ou sexa, que saen dos petos dos propios gandeiros, e aínda que estes fundos teñen o lácteo como prioritario, irán dirixidos ademais a outros sectores. A UE non aclara cales serán os criterios que se van utilizar pra outorgar as achegas, polo que, tendo en conta os antecedentes, podería darse o caso de que máis unha vez se discrimine os pequenos produtores, que son a inmensa maioría dos existentes na Galiza. Resulta evidente que esta medida é un parche, que non dá solución ao problema das explotacións galegas, que necesitan dun prezo mínimo garantido que permita rendibilizar o traballo. Cómpre un acordo entre produtores, industria e distribución, que debe ser forzado pola intervención directa dos governos, así como recuperar o proxecto estratéxico dun grupo lácteo galego.

A resposta da Unión Europea teima nas políticas globalizadoras, poñendo énfase na concentración, ou sexa, favorecendo as explotacións máis grandes e os países máis fortes, cunha produción industrializada. Todo indica que dentro das prioridades, atendendo ao reparto de poder existente na UE, pra o Estado español este nunca foi un sector estratéxico, amosando que os intereses de Galiza son secundarios pras clases dominantes. Daquela que a Xunta e o Governo central (dirixidos polo PP) gañen tempo coa finalidade de desalentar a protesta, trasladando todas as responsabilidades e solucións a Unión Europea (que é o mesmo que entregarlle as pitas ao raposo). No caso galego, chove sobre mollado. Lembremos a evolución da construción naval, a perda de todo control sobre sectores estratéxicos como o do crédito, enerxía, etc. Un devecer constante da actividade económica e do emprego que dá forza á predición dun descenso de 207 mil persoas nos vindeiros quince anos; coa desfeita do mundo rural como primeira vítima. Hai que evitalo!

Te puede interesar