Opinión

América Latina, os cambios do covid-19

Segundo o FMI durante o ano pasado o PIB caeu un -7,4% na América Latina e o Caribe, e aínda que as previsións do CEPAL pra o 2021 indican un medre do 3,7% do PIB, todo fai pensar que até finais do ano 2022 a rexión non volverá a recuperar os valores económicos do ano 2019. Aínda que a evolución dependerá moito da extensión da pandemia, e da rapidez coa que se vacine a povoacion. Agora ben, esta crise, como no resto do mundo, non está causada exclusivamente pola pandemia do covid-19, esta só acelerou o proceso. Non se poden obviar como precedentes a desfeita ecolóxica, a confrontación entre potencias, a desigualdade crecente, os rápidos cambios tecnolóxicos controlados polas corporacións e o imperialismo... ademais do papel subalterno que teñen a inmensa maioría dos países da rexión na cadea de valor, e a falta de soberanía. 

Todo isto sucede en países que, salvo excepcións, contan con medios sanitarios e de prestacións e subvencións públicas aos traballadores/as afectados nulos ou inferiores a calquera dos estados europeos. Daquela que a pandemia do covid-19 estea a causar unha verdadeira traxedia, tanto polo número de persoas contaxiadas como pola cantidade de mortes, así como un aumento do desemprego e a pobreza. No Brasil hai uns 10 millóns de persoas contaxiadas polo covid19 e 240.000 morreron; séguelle México con 2 millóns de contaxios e 175.000 mortes. En número de persoas mortas polo covid continúan no listado Colombia, Arxentina, Perú... 

As consecuencias desta crise, sanitaria e económica, está facendo crecer rapidamente o desemprego, e polo tanto a pobreza, e a desigualdade. Segundo un informe da CEPAL a pobreza atinxiu os 215 millóns de persoas na rexión a finais do último ano, un 35% da povoación, ou sexa 28 millóns máis que en 2019; deste total 83 millóns están en condicións de pobreza extrema. 

Este contexto sanitario e económico axudou á progresiva consolidación de governos progresistas en México, Arxentina ou á recuperación pola esquerda do Executivo en Bolivia, e o resultado positivo da primeira volta das eleccións en Ecuador. Son cambios que reverten os triunfos electorais e golpes de estado “suaves” da dereita neoliberal da última década. Governos neoliberais que illaron na rexión aos governos antiimperialistas de Cuba e Venezuela. 

Neste xiro tan profundo que se está producindo non se poden esquecer as masivas manifestacións populares en Chile, coa dereita governante totalmente arricunchada, e a situación social e política cada vez máis complexa de Bolsonaro en Brasil, malia que aínda conte cunha considerábel base de apoio. Polo tanto, a tendencia dominante e o estado de ánimo da xente é hoxe moi distinta á de antes da pandemia. Esta agudizou a crise do capitalismo, e deu azos a unha importante contestación popular contra as política de centralización e concentración do poder e da riqueza en prexuízo das clases sociais e dos países que teñen un rol subalterno na cadea de valor. 

Nunha charla o sociólogo arxentino Atilio Boron sinalaba nunha entrevista que: “Os pensadores dos foros estratéxicos como o de Davos están a falar do reinicio do capitalismo, porén que este sería estadocéntrico, baseado no papel do Estado. As receitas neoliberais fracasaron. A que país vaille ben co neoliberalismo? A ningún. Só hai que ollar o colapso económico e social polo que está a pasar os Estados Unidos”. A pandemia evidenciou o fraxilidade da humanidade e o destrutivo do sistema económico e social imperante, dun xeito máis patente que outros desastres, como o cambio climático, a perda da diversidade en todos os aspectos, e a desigualdade, se cadra porque golpeou os comportamentos sociais durante tanto tempo. Mais, a cobiza e prepotencia pódese reinventar, non sería a primeira vez. 

Te puede interesar