Opinión

Apostando polo 
precipicio

Con moito acerto, o TTIP, ou sexa o tratado de libre comercio entre os Estados Unidos e a Unión Europea, foi definido como a OTAN económica. Este tratado estase a negociar oficialmente dende o ano 2013, en segredo, cunha importante presenza e incidencia dos lobbys empresariais. As filtracións que hai uns días fixo Greenpeace sobre os acordos e diverxencias, e os pactos acadados, colocaron de novo o tema nos titulares dos medios, e obrigaron a algúns pronunciamentos públicos de governos e partidos.

A transcendencia do momento, en relación a este tema, foi confirmada pola reunión urxente e ao máximo nivel en Berlín, entre Obama e Merkel, á que asistiron o presidente de Francia e os primeiros ministros do Reino Unido e de Italia, coa intención do primeiro de acelerar o acordo. O desexo de Washington é concluílo antes de que remate o ano, xa que o vindeiro Governo norteamericano, sexa o de Clinton ou o de Trump, seica tería unha actitude menos receptiva. O que amosa ate que punto Obama representa os intereses dos grandes grupos económicos, que serán os máis favorecidos por este novo pulo na globalización, ou sexa, pra fortalecer a economía de escala.

Mentres as corporacións e a maioría dos partidos sistémicos apostan polo acordo, van medrando as diverxencias, especialmente porque en países como Alemaña e Bélxica, a mobilización social contra o tratado vai a máis. Mesmo o secretario pra o comercio exterior de Francia dicía que o máis probábel, é que remate a negociación xa que “Europa cede moito e recibe a cambio moi pouco” por parte dos Estados Unidos. Porén, na práctica, a Unión Europea foi cedendo unha e outra vez, traspasando todas as liñas vermellas que se tiña fixado. Por exemplo, entre os aspectos polémicos, están a excepción cultural e os tribunais privados pra resolver conflitos entre as corporacións e os estados (ISDS).

Pra salvar a oposición do Parlamento Europeo ao ISDS, a Comisión propuxo unha alternativa onde a principal modificación é o cambio de nome por ICS, e seica unha “profesionalización”, mais sen mudar o seu carácter. Seguiría sendo un ente que estará por riba dos estados, e polo tanto da vontade popular, tendo como obxectivo principal protexer os intereses dos investidores privados. Países importantes tiveron que pagar grandes compensacións a corporacións, que se consideraron prexudicadas nas súas perspectivas de lucro, por medidas que pretendían favorecer as economías nacionais. Porén, outros dos aspectos máis controvertidos é que estes tratados, na práctica, regulan as normativas dos países en función dos intereses corporativos, tanto en relación co medio ambiente, como coa produción e os servizos, e coas relacións laborais.

As experiencias destes tratados de libre comercio son negativas. Especialmente pra os países máis pequenos ou con economías dependentes. Nomeadamente, tanto en México como en Colombia, esmagouse unha gran parte do sector agrícola e déuselle pulo á precariedade e á desigualdade, mentres aumentou artificiosamente o PIB. Un informe do Instituto de Desenvolvemento Global e Medio Ambiente da Tufts University (Massachusetts, USA) calcula que o TTIP suporía a perda de ate 600.000 empregos na Unión Europa, así como unha queda do PIB, e o aumento da desigualdade e inestabilidade.

Na Galiza terá un impacto directo sobre o sector primario e a industria, tendo en consideración que os USA son excedentarios en áreas sensíbeis. Chama a atención que aínda non se fixesen estudos sobre as súas repercusións sobre o conxunto da economía, cultura, e a información. A práctica reflectiu que a Unión Europea terminou hipotecando o desenvolvemento da nosa nación, (véxase a regresión demográfica e o medre da desigualdade). O TTIP significa potenciar esa vía errada. Cómpre evitalo!

Te puede interesar