Opinión

Aprendermos dos erros

Aterceira onda do covid-19 implica un número de contaxios e de persoas falecidas moito maior do esperado. Resulta obvio que é consecuencia das medidas tomadas pola Xunta e duns comportamentos sociais máis relaxados perante a celebración das festas de nadal e fin de ano. Era de esperar, e aínda así triunfou a postura de intentalo, tanto por dar un respiro a meses de duro confinamento, como por aproveitar en termos económicos e de emprego o tirón do consumo, e satisfacer ás persoas que por razóns relixiosas ou de hábitos familiares fan destas festas celebracións seica imposíbeis de postergar. É a segunda vez que se fai unha valoración demasiado optimista, a outra foi cando se quixo forzar a normalización da vida económica e social no vrau, pra relanzar o turismo, transporte, espectáculos, etc. 

Resulta evidente que é unha pedra na que bateron todas as autonomías e os governos europeos, polo tanto non se trata tanto de sinalar culpábeis como de aprender dos erros e tirar conclusións que sirvan pra o futuro. Por exemplo, con este grao de contaxios estase a colocar de novo en tensión o sistema hospitalario, polo que cómpre contar cos recursos técnicos e humanos necesarios pra atender os ingresos polo virus e a outro tipo de doenzas, porque a esta altura esta situación non é unha emerxencia conxuntural. Asemade, dáse nun momento no que cómpre acelerar o ritmo de vacinamento, xa que coa dinámica actual tardaríase varios anos, o que implica ampliar persoal de atención primaria e aumentar o número de doses que se subministran. Son cuestións mínimas que deberían estar contempladas. Asemade, é necesario facer cómplice á povoación de cal vai ser a folla de ruta, pra así poder contar cunha colaboración activa. 

Respecto como evoluciona a pandemia hai outra cuestión esencial que non se pode esquecer, ou tratar como se non formase parte do problema, refírome á situación social. Neste aspecto é verdade que se tomaron algunhas medidas paliativas como os ERTE e o Ingreso Mínimo Vital, axudas aos autónomos/as e ás empresas, porén os dados da Enquisa Conxuntural dos Fogares galegos reflicte un aumento da pobreza preocupante. Pasouse nun ano, dun 45,74% das familias na Galiza en 2019 con dificultades ou moitas dificultades ao 57,48% no 4ª trimestre de 2020. Nada menos que 11,74 puntos máis! O que deixa en evidencia que as medidas que se tomaron non chegan e asemade non abranguen todas as situacións de emerxencia, máxime cando unha parte dos fogares foron gastando aforros e hipotecándose ao límite. Ao que se suma un modelo laboral que favorece a precariedade e desigualdade, daquela que un 10% dos fogares teñan moitos problemas pra chegar a final de mes.

As previsións de medre do PIB que había pra o ano 2021 é difícil que se cumpran dado a evolución da pandemia. Xa no informe de outubro o FMI consideraba que as economías da UE non recuperarían o PIB de 2019 até finais de 2022. Outro aspecto que non se pode ignorar e que ademais da necesidade de estar preparados pra atallar un novo virus no futuro, estase acelerando o cambio climático, polo que pra alén de facer importantes investimentos na sanidade, na enerxía verde e na dixitalización, cómpren axudas ás familias transitorias, que non substituían a xustiza social, e desenvolver economías autocentradas e sustentábeis. Trátase de aproveitar os fondos europeos e todos os medios de que se poda dispor pra reconstruír o sistema tendo como obxectivo o reparto do traballo e da riqueza, e a importancia de que os alimentos e a enerxía, e todo tipo de insumos básicos, se produzan o máis preto posíbel do lugar de consumo (enfrontamos posíbel escenario: de medre das alarmas sanitarias e climáticas, e da conflitividade no mundo). Pensemos a realidade na Galiza a longo prazo e no contexto global.

Te puede interesar