Opinión

Arxentina, os empresarios toman o governo

Durante a última campaña electoral na Arxentina, os sectores de esquerda xa afirmaban que Macri, o agora presidente, tiña unha actitude autoritaria e neoliberal, e inclinación a seguir os ditados de Washington. As medidas que está a tomar confirman está valoración, máxime cando se esperaba que procurara o consenso, dado que gañou as eleccións pola mínima. Tampouco ten maioría no Parlamento, o que o levou a governar por decreto, torcendo a interpretación da lei. Evidentemente, faino porque se sente forte, conta co apoio da patronal, dos grandes medios de comunicación e das potencias hexemónicas. Na oposición está unha esquerda débil e fragmentada, e un kirchnerismo sen folla de ruta, acostumado a confundir organización política con clientelismo, e que agora carece dos recursos da xestión do Estado. Esta eiva tamén forma parte do ADN do actual oficialismo.

A primeira medida foi o despedimento de máis de 20.000 empregados/as públicos, co argumento de que eran ñoquis (persoas que entraron con “enchufe”, que cobran e non realizan traballo). Mais todo indica que se cebou naqueles organismos molestos pra o Executivo, como os de dereitos humanos, os que promocionaban unha información independente, etc. Realizáronse despedimentos masivos, pra negociar despois cos sindicatos, sen presa e desde unha posición de forza. Outra decisión con impacto negativo nas condicións de vida foi aumento de ate o 350 % na electricidade e do 500 % no gas. Non pagarán a luz as familias que consuman menos de 150 kw, e non se lles incrementará o prezo do gas ás que reduzan o consumo nun 20 %. Púxose como escusa a necesidade de diminuír o consumo eléctrico e de gas, pra eliminar as interrupcións e reducir as subvencións. A estas medidas súmanselle: a liberalización do cambio da moeda, ou sexa a depreciación do peso; a redución dos impostos ás exportacións agrícolas, coas que se dotaba de recursos á sanidade pública; acoutar os aumentos salariais na negociación colectiva (as paritarias); ceder diante dos fondos voitres, o que multiplica a débeda e alenta novas reclamacións, etc.

As primeiras consecuencias, segundo as fontes estatísticas que o Governo declarou oficiais (está en suspenso o INDEC, o INE arxentino), amosan que no mes de decembro, o custe de vida subiu un 6,5 % e os alimentos un 10,4 %. Sen dúbida, esta tendencia regresiva medrará aínda máis, tanto polos despedimentos no sector público, que Macri quere “adelgazar”, como polas que se están a producir no privado por mor da queda das exportacións a China e outras potencias, e a redución do consumo interno. O Governo fai fronte a este medre das contradicións sociais, das tensións políticas e da mobilización, con tácticas que buscan dividir a oposición (xa o conseguiron co kirchenerismo) e gañar a complicidade do sindicalismo pactista mediante a entrega de 26 mil millóns de pesos pra obra social. Porén, cando estes subterfuxios non valen, utilízanse medidas de tipo represivo, do que é exemplo a detención da líder social Milagros Sala, na provincia de Jujuy.

Se cadra sexa cedo pra facer unha caracterización completa do Governo de Macri. Mais resulta evidente que pinta moi mal pras clases populares, pra o bloque antiimperialista en América Latina, e pra os dereitos democráticos. Por outra banda, a virtualidade deste Governo é que non está formado por intermediarios do poder económico, xa que está inzado de empresarios que tomaron directamente nas súas mans as rendas do poder político. Poderán atribuírse os éxitos, porén tamén resultarán evidentes os fracasos, o medre das desigualdades, a perda de dereitos e de soberanía nacional. Mais isto, de pouco valerá se non se constrúe un proxecto alternativo forte, que supere as dependencias e os límites do modelo, e dea protagonismo aos de abaixo.

Te puede interesar