Opinión

ARXENTINA, LUSCOS E FUSCOS DO KIRCHNERISMO

Estes días vívense na Arxentina os debates previos á eleición da metade dos deputados/as senadores/as ao Congreso. As primarias debuxaron un panorama que non era o desexado polo kirchnerismo, xa que a lista máis votada foi a da candidatura opositora de Massa, que acadou o apoio dunha boa parte do peronismo (dos barrios urbanos e do sindicalismo), e da poderosa patronal Unión Industrial Arxentina (UIA).


Malia o recuar das forzas que apoiaban a Insaurralde, o candidato de Cristina Fernández de Kirchner (CFK), cando se suman estes votos máis os de Sergio Massa e outras forzas do peronismo, esta corrente política, tan diversa no ideolóxico, recolle entre o 80% e 85% dos votos emitidos. Daquela, como me aseguraban algúns amigos/as, falando comigo sobre o tema en Bos Aires hai uns días, calquera sexa o gañador nas eleicións do 27-O, Insaurralde ou Massa (candidatos pola provincia de Bos Aires), será unha disputa entre peronistas. A única opción con posibilidades fóra desta gran corrente é a representada polo socialista moderado Hermes Binner, en alianza con radicais (que son ou foron parte do Partido Radical).


Sen dúbida, o kirchnerismo perdeu folgos, e hoxe recolle o rexeitamento do 70% do eleitorado (segundo valoracións da oposición de esquerda). Este recuar ten varios motivos, que van dende a situación económica e social ate a inseguridade. Segundo os datos macro, o país crece, críase emprego e diminúen a pobreza e a indixencia (en boa medida polas axudas públicas), mais os salarios son moi baixos, a inflación está desbocada, e a inseguridade é un problema non só da clase media senón daqueles que con moitas dificultades procuran chegar a fin de mes.


O economista Julio Gambina definía a situación, na presentación do seu último libro, moi graficamente: 'todo segue igual; as políticas baséanse na distribución parcial, sen cambios no modelo produtivo'. O medre do PIB depende da produción e exportación de soia e da megaminaría, e polo tanto da evolución da Unión Europea, China e Brasil. A única diferenza co período anterior son unhas relacións máis amplas e certa recuperación da industria (automóbil, naval, electrónica, etc.), porén cun tecido produtivo máis pobre que o existente hai medio século.


O kirchnerismo quixo (na teoría) recrear serodiamente o proxecto de Perón, dunha alianza entre a burguesía nacional e a clase obreira pra desenvolver unha economía máis forte e menos dependente do exterior. Un proxecto pra moitos analistas serodio, inviábel, xa que hoxe son necesarios outros suxeitos e obxectivos pra desenvolver dun xeito sustentábel o país, tendo en consideración a hexemonía da globalización neoliberal e os límites dos ecosistemas. Os resultados prácticos demostran que tiñan razón: a presión interna e externa do capital atrancou unha mellora consistente das condicións de vida da maioría social, porque a súa lóxica é a optimización dos lucros que esixe unha man de obra precarizada. E ademais, unha parte importante do sindicalismo oficial rachou co kirchnerismo (o sector de Moyano da CGT), porque non miraba contemplados os seus intereses, e a patronal da UIA apoia a Massa.


Nesta altura, a proposta do kirchnerismo está esgotada pra maioría da povoación. A opción de Massa non pasa por acentuar esta alternativa, senón por conseguir unha maior inserción no capitalismo neoliberal; comezando seguramente cun alonxamento dos países da ALBA. En calquera caso, a CFK quédanlle aínda dous anos na presidencia, período no que pode ficar en minoría no Parlamento. Dálle tempo abondo como pra reconstruír alianzas con vistas as eleicións do ano 2015, nas que se elixirá presidente/ta e a outra metade da Cámara de deputados/as. Neste período pódense dar todo tipo de recomposicións, tal como amosa o acontecido neste aspecto nos últimos anos.

Te puede interesar