Opinión

Arxentina, replantexar o modelo

Dende hai meses todo anunciaba a derrota nas eleccións de Mauricio Macri, así o confirmaron as PASO, e fíxose realidade nas votacións do 27 de outubro, nas que a coaligazón “Frente de Todos”, que tiña como presidente a Alberto Fernández, impúxose cun 48,1% de apoios. A concentración dos votos da dereita en Macri, que acadou un 40,36% dos sufraxios, unha porcentaxe que aínda pode baixar nos resultados definitivos, ficou moi lonxe pra obrigar a unha segunda volta. Todo indica que os resultados definitivos ampliaran esta diferenza. Hoxe o contexto político é moi distinto ao de hai catro anos, xa que a xestión de “Cambiemos” deixa un retroceso económico e social tremendo. Mesmo viuse forzado a pedir un préstamo do FMI, co aval de Trump, e de pouco lle valeu a repetida e cínica desculpa de responsabilizar aos anteriores governos kirchneristas. 

Algúns datos da xestión na etapa de Macri, o empresario exitoso que seica ía “meter a Arxentina no mundo”: un 36,5% da povoación está por debaixo da liña de pobreza, dende 2015 perdéronse 144 mil postos de traballo, a caída do salario real no seu mandato foi do 20%, e só o 44,1% dos/as asalariados ten plenos dereitos laborais, e a débeda externa chegou ao 100% do PIB. Un panorama critico que ademais se dá nun contexto no que a tendencia dominante no mundo é dun estancamento do PIB, por mor da confrontación entre potencias, da desigualdade e dos problemas ecolóxicos. 

Por se non abondase co anterior, o primeiro socio comercial da Arxentina é o Brasil, cuxo governo de ultra-dereita descualificou acotío nos últimos meses á coaligazón triunfante nas eleccións. Aínda que o máis afectado neste caso sería Brasil, que ten un importante saldo comercial ao seu favor. Tampouco se pode obviar que a Arxentina ten unha estrutura federal, e que provincias tan importantes como Mendoza e a cidade autónoma de Bos Aires, estarán governadas pola oposición. As provincias arxentinas auto-govérnanse, redactan as súas propias constitucións e teñen poderes executivo, lexislativo e xudicial, así como súas propias policías. 

Tampouco se pode obviar que o “Frente de Todos” está integrado por máis dunha ducia de partidos, que van dende o peronismo e kircherismo, que son os máis fortes, até aqueles que representan opcións socialistas, comunistas, iregoyenistas ou feministas. Unha converxencia que foi fundamental pra vitoria, así como que Cristina Fernández optase por ocupar un segundo lugar no proxecto. Esta é unha diversidade, que reflicte as diferenzas e matices, terá que convivir e negociar máis dunha medida e postura do governo. No país veciño, Uruguai, a Fronte Ampla, facendo unha virtude das diferenzas e o debate interno, foi quen de construír un proxecto exitoso no eido electoral durante moito tempo. Por que non ía ser así na Arxentina?

Os medios destacan que Alberto Fernández terá que superar moitos atrancos, tanto polo excesivo da débeda externa, cuxo pago absorbera unha parte importante do orzamento limitando as políticas sociais, como polo recuar do medre PIB no mundo, que condiciona un aumento do excedente comercial. Ao que hai que engadir a fuga de capitais e a dolarización por mor da hiper-inflación. O novo governo deberá reestruturar a débeda, controlar o troque de moedas, perseguir a fraude fiscal, e tomar medidas pra poñer en orde a contratación laboral, recuperar os salarios, mellorar os servizos e prestacións públicas, comezando polas pensións e as situacións de estrema pobreza. Non son medidas doadas de levar adiante. Terá que confrontar cunha oposición interna e externa poderosa (beneficiada polo neoliberalismo), e o tempo pra tomar estas medidas está moi condicionado pola gravidade da situación social. Atrevemento, e replantexar o modelo, semella o único camiño. 

Te puede interesar