Opinión

Arxentina, xestionar a pandemia nun país hipotecado

A débeda exterior é unha das grandes hipotecas que lle deixou á Arxentina o Governo de Mauricio Macri. Ao inicio da súa presidencia gabábase de que “ía meter a Arxentina no mundo”, xa que coas reformas neoliberais solucionaría en pouco tempo os vellos atrancos deste país, obviando o difícil que é rachar dependencias e un rol secundario na escala de valor. Ao final do seu mandato a economía estaba en caída libre, e a moeda golpeada por unha inflación alentada pola especulación e o déficit público. 

Por se estes temas non foran difíciles de atallar, se lle sumou a pandemia do covid-19 e o confinamento, cos seus efectos sobre a actividade produtiva e o gasto público. A isto se lle suma a postura da oposición de dereita que cuestiona con mobilizacións o confinamento e a masca; ao que se engade as dificultades nas relacións con Bolsonaro. O presidente do Brasil pon a diverxencia ideolóxica no centro de todo, co que isto implica en termos económicos xa que este país é o primeiro socio comercial da Arxentina. Cómpre lembrar que Brasil vai por diante no número de mortes pola pandemia na América Latina, mentres que na Arxentina as persoas contaxiadas é importante, porén o de decesos é moito máis baixo que nos países da contorna, agás en relación con Uruguai, Paraguai, Venezuela. 

Neste contexto Alberto Fernández e a súa equipa levan meses intentando evitar o default e buscando un acordo que permita pagar a débeda exterior sen que isto afogue en pouco tempo a recuperación da economía, a creación de emprego e un reparto máis xusto dos ingresos. Non é unha tarefa doada, polo que economistas de esquerda como Julio Gambina son precavidos ao respecto: “Arxentina gañou tempo nesta reestruturación, que supostamente incluirá un acordo co FMI. Postérganse pagos sen quita de capital, renovando débedas con baixa na taxa de interese, pero non se resolveu o tema de fondo da hipoteca que condiciona, xa desde hai décadas á economía local (...) En efecto, cada quenda presidencial desde 1983 reestruturou os vencementos de débeda pública, postergando o problema sen resolver a cuestión de fondo, pagando vella débeda con nova”. 

Téñase en consideración que segundo a CEPAL o efecto da pandemia sobre o PIB de América Latina e o Caribe causará unha caída en 2020 dun -9,1%. No caso da Arxentina atinxirá o -10,5% (segundo o FMI será do -9,9%), son os custes dunha maior protección fronte ao virus e dunha economía que foi moi golpeada no último ano. Chove sobre mollado. Como consecuencia, ademais do medre do desemprego, a pobreza pasou do 26,7% en 2019 ao 37,5% en 2020. Pola contra, co argumento da “sinceridade co fisco” Macri permitiu no ano 2017 durante a súa presidencia que os arxentinos máis ricos branqueasen 116.000 millóns de dólares que tiñan agochados no estranxeiro. A fins do 2019, os arxentinos tiñan aínda activos no exterior cuantificados en 399.550 millóns de dólares, un 47% máis que ao final do 2015, cando chegou ao poder o Governo de dereitas.

Pra resolver en parte estes graves problemas Fernández quere reducir a débeda externa cunha quita do principal e unha baixada dos xuros, axudar aos sectores máis fráxiles da sociedade e aos desempregados/as por mor da pandemia, e reforzar o sistema sanitario e dar liquidez á pequena e mediana empresa. Neste sentido no Congreso estase a debater un imposto sobre ás grandes fortunas co que espera obter uns 3 mil millóns de dólares. Sería un paso adiante na procura dun sistema máis xusto e que permita aliviar algo as arcas públicas. Mais, todo indica que o Governo terá que tomar máis medidas neste ámbito, así como contra a corrupción, a inseguridade cidadán, e recuperar os salarios e o emprego con dereitos, pra que o xiro á esquerda teña algún efecto nas clases populares.

Te puede interesar