Opinión

As dúbidas do PSOE

Pedro Sánchez demostrou atrevemento pra presentar a moción de censura contra Rajoy. Unha iniciativa da que agora carece, cando necesita maioría pra aprobar os orzamentos pactados entre o PSOE e Podemos pra 2019. Fáltanlle votos porque non se atreve a abrir o prometido dialogo cos independentistas cataláns. Será por temor a que a dereita, demonizando a Cataluña, free a expansión electoral do PSOE pra se consolidar como a primeira forza con vantaxe sobre a segunda? 

Mais, apostando por esta dinámica, Pedro Sánchez sabe que resulta imposíbel obter o apoio do independentismo catalán mentres seus dirixentes estean en prisión, e as penas que se lles piden sexan máis un escarmento que xustificadas en calquera acción violenta ou de secesionismo real. Tampouco se aportan probas pra acusación de malversación. Daquela que, por unha banda Sánchez pide a rebaixa de rebelión a sedición, unha modificación simbólica, pra escándalo da dereita, mentres que presenta un recurso no Tribunal Constitucional contra a decisión do Parlamento Catalán pola proclama antimonárquica (un pronunciamento semellante fixo despois o concello de Barcelona: Ambos foron presentados por Comú Podem. O recurso non foi admitido polo TC, xa que o acordo carece de consecuencias institucionais.  

Agora ben, esta actitude ambivalente non se cingue en exclusiva á cuestión catalá, senón que atinxe tamén a aspectos nos que o PSOE seica pretendía deixar en evidencia a política de dereita do PP e Ciudadanos. Refírome a cuestións como as reformas laborais, a lei mordaza, as pensións e a dependencia das persoas, a lomce, etc. Xa que, malia que pasaron varios meses, seguen todos elas pendentes. Algo difícil de entender cando propostas cun carácter simbólico, como e o dos restos de Franco, ocupan a axenda cotiá do Governo, e por suposto dos medios de comunicación. Mesmo problemáticas tan doadas de resolver como os indultos pra Carlos e Serafín, condenados a tres anos de prisión por formar parte dun piquete informativo na folga do transporte do ano 2008, non foron resoltos. De pouco valeu até agora que un dos afectados pertencese á UGT, sindicato afín ao PSOE (o outro está afiliado á CIG). Tan difícil é solucionar este tema? Tan pouco pesa o mundo do traballo nas prioridades do Governo?

Todo amosa que a postura dos socialdemócratas está condicionada polas enquisas electorais, xa que a maior parte das realizadas danlle ao PSOE o primeiro posto, unha caída a Podemos, porén de novo deixan a maioría en mans dos partidos nacionalistas. E, ademais, a dereita segue a manter seu celeiro de votos. A enquisa do CIS contrasta con estes dados, mais non ofrece suficiente garantía pra que o PSOE aposte axiña pola convocatoria de eleccións xerais. 

Neste contexto, e na procura de gañar espazo electoral, hai que entender a rapidez do Governo en aprobar un decreto-lei no que rectifica a decisión do Tribunal Supremo a respecto de que no futuro sexa a banca a que pague o imposto autonómico sobre as hipotecas (que terá que pasar polo Congreso). Unha decisión que non tería carga económica retroactiva pra os bancos, e que tampouco ofrece garantía de que estes non trasladen o custe ás hipotecas ou/e usuarios do servizo. Asemade, chama a atención que exista tanta sintonía en todos os partidos, progresistas e da dereita. Será porque é unha postura simbólica, se non se toman medidas de control sobre os servizos bancarios e non existe, como mínimo, unha banca pública que rache o monopolio do sector privado? Só con medidas sistémicas se podería impedir que o custe se traslade aos clientes. En fin, deuse un pequeno xiro á esquerda, máis simbólico que real, e os cambios urxentes seguen pendentes. Non será necesaria máis presión e mobilización social, con visión e propostas estratéxicas?

Te puede interesar