Opinión

Nova etapa na UE?

A Unión Europea xa ten unha nova cabeza logo de que o Parlamento de Estrasburgo aprobase por unha estreita marxe, de só nove votos, a candidatura de Ursula Von de Leyen, grazas a que unha parte dos socialdemócratas a apoiaron, como foi o caso do PSOE. A cambio de Borrel en exteriores?... Os analistas destacan que se trata dunha figura que vai depender dos ditados de Berlín e Paris, que carece dun proxecto propio. Mais, a maioría das veces ter poder político termina transformando ás persoas. 

Todo indica, tendo en consideración súa traxectoria, que a liña política de Von de Leyen no ámbito do social e nas relacións exteriores será continuista (se non vai a peor). No seu discurso no Parlamento estendeuse respecto da problemática ecolóxica, da igualdade de xénero e do tema migratorio, sempre nun ton emotivo, aínda que dun xeito máis ambiguo destacou que “os cidadáns non están ao servizo da economía e esta debe estar ao servizo da xente”. Cheira a discurso pra xustificar os votos da socialdemocracia. 

As únicas propostas concretas na problemática económico social foron en relación coas pequenas empresas, e coa imposición de impostos ás corporacións tecnolóxicas que carecen dunha fiscalidade apropiada. Será casual que esta sexa unha das medidas estrela que propón a ministra de facenda, do Estado español, María Jesus Montero, pra próxima lexislatura?... Leyen na súa intervención fuxiu da valorar ás políticas da UE no Próximo Oriente, respecto de Venezuela e da Ucraína, das sancións a Rusia, etc, e por suposto deixou claro o total apoio á OTAN. 

Ou sexa, máis do mesmo, nas cuestións que atinxen ás maiorías sociais, nos temas que agudizan as contradicións entre nacións na Unión Europea, e aquelas que fan tremer o mundo todos os días. Mesmo semella unha utilización premeditada e oportunista da problemática de xénero, cun nesgo clasista, así como da gravidade da cuestión ecolóxica. 

Os medios destacan que a nova presidenta da Comisión é unha firme europeista, despois de todo as políticas globalizadoras e neoliberais vanlle ben ao gran capital alemán. Pouco importa que da UE perdese protagonismo no mundo, que xa non serva de muro de contención á confrontación entre potencias nucleares, como durante a guerra fría. Que asemade renunciase ao “estado de benestar” e ao control da economía, que esta teña cada vez un carácter máis especulativo e depredador, e que se asuma como natural o retroceso dos dereitos democráticos e en materia de xustiza laboral e social. 

Von de Leyen malia representar a opción conservadora, con 182 dos/as dos 750 euro-deputados/as, é valida pra o Parlamento Europeo, o que amosa a liña dominante nesta institución. Ademais foi merecedora dunha gabanza da socialdemocracia española, diluíndo as diferenzas ideolóxicas. Con seguridade o PP e Ciudadanos estarán dando chimpos de ledicia. Son decisións estratéxicas que lle dan sentido a que o PSOE lles pida a estes partidos de centro dereita a abstención na investidura de Pedro Sánchez. 

Que se avance na igualdade de xénero é positivo e necesario, mais este avance non evita o medre da desigualdade entre territorios e clases sociais, a privatización e redución dos servizos básicos, e a regresión de dereitos democráticos, tamén no ámbito da mobilización e da negociación colectiva.  Todo indica que, existindo un enorme movemento a prol da igualdade, as clases dominantes utilizan  “habilmente” esta problemática pra agochar outras. O discurso de Von de Leyen reflicte que esta táctica é parte da folla de ruta europea, e que a esquerda carece de alternativas e mensaxe á altura dos retos do momento. Os aplausos de boa parte dos verdes e da esquerda, esquecendo a práctica de Von de Leyen así o reflicten... Pra alén da escenografía isto é a Unión Europea. 

Te puede interesar