Opinión

O bingo das criptomonedas

Opinión

O bingo das criptomonedas

Hai medio mes, vendíase un ático en Tarragona por 40 bitcoins. O propietario puxo como condición que a transacción se fixese nesta criptomoeda. O valor era naquel intre equivalente a 550.000 euros. O bitcoin tiña multiplicado o seu valor en poucos meses, e comezou a cotizar no mercado de futuros da Bolsa de Chicago. Pasou pouco tempo, e cando algúns xa daban estas criptodivisas como un substituto das moedas oficiais con respaldo dos estados, o bitcoin encetou un acelerado descenso.

Hoxe o valor daqueles 40 bitcoins sería 248.000 euros. O propietario perdeu máis da metade do que gañara. Isto é demostrativo do carácter especulativo das criptomoedas, de que se trata dun xogo de ruleta. Dependen da vontade dos grandes investidores/as e daqueles/as que teñen unha maior cantidade de bitcoins (dos que existe un número limitado). Asemade, as persoas e entidades creadoras destas moedas dixitais permanecen no anonimato.

As criptodivisas non son emitidas por ningunha entidade oficial. Xorden dun proceso denominado “mineria” que consiste na resolución de complexos cálculos matemáticos, que requiren ordenadores especialmente preparados e conectados en rede. Poden ser trocadas por moedas tradicionais, e almacénanse nunha carteira persoal virtual. Isto é un dos atractivos pra certos usuarios/as, xunto coa clandestinidade nas transferencias. 

As divisas dixitais non son tan seguras como predican os seus apoloxistas. No mes de decembro, piratas informáticos roubaron da plataforma eslovena NiceHash 63 millóns dólares en bitcoins, provocando unha caída da cotización, da que non obstante axiña se recuperou. En maio do 2017, o virus Wannacry infectou 200.000 ordenadores en 150 países.

Pra eliminalo, os hackers esixiron como resgate de cada computador, 300 euros en bitcoins, xa que deste xeito o diñeiro non podía ser rastreado. Resulta obvio que é un método eficaz pras transaccións ilegais, ligadas ás drogas e outro tipo de actividades delituosas, que favorece o lavado de diñeiro e dá pulo á fraude. Asemade, dise que a plataforma do bitcoin ten problemas pra procesar un volume de transaccións elevado, o que orixina demoras, encarecendo as comisións. 

Resulta evidente que o bitcoin e outras criptodivisas son hoxe centro da actividade especulativa. Dirase que outro tanto pasa coas moedas fiduciarias, mais só en casos moi excepcionais existen variacións tan bruscas.

Ademais, as moedas emitidas polos estados teñen o respaldo dos recursos nacionais (entre eles das reservas en ouro, cun valor e un uso historicamente comprobado, e doutras moedas e bens, por exemplo inmobiliarios). O bitcoin carece destes respaldos. O seu valor baséase exclusivamente nas perspectivas de aumento de valor no futuro e na sacralización da tecnoloxía. É xogar nun casino. 

Outro aspecto relevante é a pretensión de relegar as institucións públicas. Ou sexa, darlle primacía absoluta ao privado fronte ao quefacer colectivo. Perderíase o control sobre as transaccións e a fiscalidade das rendas.

Os países máis pequenos carecerían de toda capacidade pra utilizar a moeda pra condicionar a economía, e terían como único recurso dentro do sistema a explotación laboral.

Tamén perdería consistencia calquera medida pra redistribuír a riqueza e o poder a través da acción fiscal. Non se pode ignorar que este paso atrás está inserido nun proceso no que se acelerou a centralización e concentración da riqueza e do poder en mans das grandes corporacións e fortunas, e nas potencias imperialistas.

Pra alén de que as transaccións e os pagos dixitais, así como a súa utilización como moeda, segan a medrar, como é lóxico, son moitas as incógnitas. Cómpren máis garantías. E as formas non mudan a esencia das cousas, comezando polo capitalismo como sistema.