Opinión

Botando máis leña ao lume

Adetención de máis de dúas ducias de persoas en Cataluña seica vencelladas ao Tsumani Democrátic e a Puigdemont, deixa un mar de dúbidas cando entre outras razóns, como que o ex-presidente catalá estaría recibindo diñeiro produto da corrupción, ligan a Rusia cunha oferta de tropas e recursos económicos pra favorecer a independencia. Así se relata no informe da Garda Civil (GC), que recolle o xuíz do caso, xa que esta promesa de Moscova era “seria até o punto que se Puigdemot a houbese aceptado os acontecementos houbesen sido tráxicos”. Trataríase do envío de 10.000 militares e do pago da débeda de Cataluña. Como se esta potencia non tivese entre mans outros temas de máis urxencia económica e social interna e de aliados históricos. 
A embaixada da Federación Rusa morreu de risa diante desta noticia, e sucede outro tanto con calquera que teña un mínimo de coñecemento das relacións entre a Unión Europea e Rusia, xa que Moscova ten un co coidado especial no plano internacional respecto das cuestións internas doutros estados. Máxime cando resulta evidente que unha acción deste tipo implicaría unha guerra mundial, sería un choque coa OTAN. Dá a impresión que hai sectores nas forzas de seguridade, no poder xudicial, e noutros ámbitos, especialmente en partidos da oposición de dereitas, que están por botar máis leña ao lume, tanto no conflito catalán, como na confrontación entre potencias, sumándose á mensaxe agresiva de Trump e outros dirixentes subalternos, e doutros que xogan a todas as bandas, como Erdogan e Narendra Modi. Asemade, chama a atención que o xuíz retirase a investigación á policía pra darlla á GC, que se detivese aos/as imputados como se fosen unha banda terrorista ou criminais, e que o nome da operación fose o da batalla contra os sovieticos (Volhov) da División Azul de voluntarios franquistas durante a Guerra Mundial. 
Por se non abondase, esta noticia dáse poucos días despois de que se absolvese a Josep L. Trapero, que comandaba os Mossos d’Esquadra durante o Referendo de 2018. Na sentenza desmóntanse a investigación realizada pola GC, na que se baseaba a acusación “por non corresponder coa realidade” e ser contraditoria. Deixando en evidencia que, ou falta profesionalidade, algo que non parece, ou que a investigación tivo un nesgo ideolóxico e político, tan evidente que a propia Audiencia Nacional tivo que recoñecelo. Aínda que estas sexan actuacións illadas por parte da GC e dalgúns xuíces deixan un pouso preocupante, porque poñen en dúbida a imparcialidade de ambas institucións. O lóxico é que se abrise unha investigación e se delimitasen as responsabilidades e consecuencias correspondentes. Coa mesma vara de medir coa que se procede cando os imputados son persoas do movemento obreiro ou dirixentes políticos de esquerda. 
O conflito catalán non é unha cuestión conxuntural. A metade da povoacion está a prol da independencia, e unha maioría vota nas eleccións polo soberanismo e na procura dunha solución dialogada. Non axudan neste proceso empregar os medios coercitivos, e moitos menos de utilizar ao independentismo catalán e vasco como espantallo pra gañar votos na España profunda. A pandemia, a crise ecolóxica, a desigualdade social e territorial en ascenso, a centralización e concentración do poder e da riqueza, o desequilibrio campo-cidade, etc. son contradicións que van a máis e nas que a saída autoritaria e as fake news teñen pernas cortas. Estamos a vivir unha conxuntura histórica, que dará lugar a un continuísmo rectificado ou a unha ruptura co pasado. A esta altura ambas andainas están abertas, ninguén sabe cal será a correlación de forzas hexemónica no medio prazo, no longo a única saída é a protección dos ecosistemas, a xustiza social, a soberanía e a plena democracia. 

Te puede interesar