Opinión

Bóveda e a Galiza mártir

Cando por vez primeira na miña vida, o 12 de abril, fun exercitar o meu dereito a voto e votei pola República non era pra min un fin, senón un medio, como un medio tamén é o Estatuto. Alexandre Bóveda expresase deste xeito nun manuscrito, reproducido parcialmente nun artigo de Marcos Valcárcel nun especial sobre Bóveda e Castelao de A Nosa Terra. E ademais engade: “Un réxime federal de nacionalidades Ibéricas, en que a democracia se poda manifestar ceibe de todo poder, pode ser moitísimo máis avanzado que unha República case centralizada”. Trátase de opinións que non teñen desperdicio, máxime neste intre tan complexo e de tanta confusión, xa que ilustran con toda claridade o obxectivo estratéxico do nacionalismo galego durante a Segunda República. E este no fundamental recollía o ideario das Irmandades da Fala.  

Lembremos que Bóveda foi secretario do Partido Galeguista, motivo polo que sería fusilado o 17 de agosto de 1936, despois dun xuízo sumario, por parte daqueles que terminaron pola forza coa legalidade republicana e impuxeron a ditadura. Naceu no ano 1903 en Ourense. Foi funcionario público da Delegación de Facenda de Pontevedra, despois de obter o número un nas prazas convocadas en Madrid. Na cidade do Lerez asistiu á tertulia da que participaban Castelao e Losada Diéguez. En 1928 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, e en 1930 a solicitude desta entidade colaborou no proxecto de Estatuto elaborando o engadido económico financeiro. Estivo ligado á creación da Caixa Provincial de Aforros de Pontevedra, da que foi director, e ademais formou parte da Coral Polifónica.

Malia o tempo transcorrido, estes temas aos que facía referencia Bóveda, dereitos nacionais e República, están de novo a debate. O primeiro é o que provoca máis ríos de tinta e discusións de café, por causa da gravidade do conflito soberanista en Cataluña. O segundo agroma de cando en vez por mor da ligazón de figuras moi importantes da Monarquía coa corrupción e a falta de ética na súa vida privada. Así como polo carácter nada dialogante do actual monarca respecto da cuestión catalá, e doutras nacionalidades, e a pouca sensibilidade respecto do aumento da desigualdade social e a precariedade laboral. Mesmo hai enquisas que din que unha maioría da povoación está a prol de rematar coa Monarquía, especialmente en Cataluña e Euskadi; na Galiza acadaría un 55% o voto a prol desta opción, fronte a un 40% en contra. 

A Irmandade Galega de Bos Aires, decidiu no ano 1942, a poucos de se fundar, que o día do fusilamento de Bóveda fose o que servise pra lembrar no futuro o Día dos Mártires Galegos (na actualidade Día da Galiza Mártir) “cuxo único delito foi loitar polo Estatuto e defender a República”. Recoñecendo deste xeito ás moitas vítimas da represión, comezando polas miles de persoas fusiladas, detidas, fuxidas no monte, ou que sufriron tanto durante a Guerra Civil como posteriormente a aldraxe ou o castigo económico, con todo tipo de sancións e multas. Aos que se debería sumar o medio millón de galegos e galegas forzados á emigración durante a ditadura franquista. Entre os fusilados na época do terror cómpre recordar a figuras egrexias como Anxel Casal, Xohan Carballeira, Xaime Quintanilla, Vitor Casas, Camilo Díaz, Roberto Blanco Torres, Silvio París, Martín March, Xacinto Santiago, etc.
Coido que a historia non se pode esquecer, que debe servir como ensinanza, pra evitar que se repitan as traxedias, a represión e a barbarie. E neste aspecto non axuda o aumento da desigualdade social, da precariedade e marxinalidade, da negación das realidades nacionais, de esquilmar e degradar a países subalternos na escala de valor do capital. O que demostra a vixencia dos ideais daqueles mártires: soberanía, solidariedade, xustiza, democracia.

Te puede interesar