Opinión

Brasil, unha lexislatura en disputa


A elección de Lula da Silva como presidente do Brasil non resultou doado. Foi así malia que tanto no ámbito social como ecolóxico e democrático o governo de Jair Bolsonaro implicou importantes retrocesos. Concretamente, hoxe máis de 33 millóns de persoas pasan fame fronte a 10 millóns en 2018, por mor da eliminación e redución de axudas. Tamén aumentou a precariedade laboral, polo que un 40% das 86.400.000 persoas ocupadas teñen un traballo informal; ou sexa, carecen de coberturas sociais. 

Algúns analistas destacan que o derrotado Presidente e a súa equipa foron quen de poñer nun segundo plano os aspectos económicos e sociais, esenciais pra o povo brasileiro, e centrar o debate e polarizar o país sobre temas como a violencia, a familia, a relixión, os méritos persoais... Sobre este aspecto dinos o politólogo brasileiro Emir Sader en relación cos resultados da primeira volta: “O sorprendente aumento da votación final de Bolsonaro revela o relativo éxito dos mecanismos de acción do bolsonarismo que lograron reducir a distancia que as enquisas apuntaban a favor de Lula, de máis dun 10 por cento a un 5%. Malia o mal governo de Bolsonaro, o 43% da povoación votou por renovarlle o mandato. O que revela como as posicións de extrema dereita están arraigadas na sociedade brasileira, o que merece máis discusión”. 

Brasil necesita realizar cambios no modelo produtivo que permitan reducir no inmediato, e eliminar no futuro, as altas taxas de precariedade laboral e de pobreza, e rematar coas diferencias de desenvolvemento entre o sur e o nordeste. Unha tarefa que non será sinxela, malia os inmensos recursos do país (minerais, agricultura, potencial hídrico, etc) xa que o partido de Bolsonaro é o que obtivo maior número de representantes na Cámara de Deputados e no Senado, que sumados a outros partidos da dereita danlle maioría no Parlamento. Outra cuestión é que pola súa fragmentación, e intereses diversos, acadar maiorías nas votacións será complexo tanto pra o governo como pra oposición.

Lula da Silva terá que buscar acordos puntuais con partidos do centro dereita pra aprobar as leis e decretos que envíe ao Congreso. Isto limitará o número de medidas reformistas que se aproben, cando necesiten tramitación parlamentar. Este non é un atranco menor, xa que Bolsonaro manterá unha oposición activa; e non esquezamos o antecedente a destitución a Dilma Rousseff polo Senado en 2016. Polo tanto, mesmo que a presidencia de Brasil teña moitas competencias necesita dar un salto cualitativo na organización e mobilización das clases populares, porque que Bolsonaro disputará a rúa dende o primeiro día, como xa o fixo en toda a campaña electoral. As eleccións amosaron que non se pode vivir do pasado, que o PT debe deixar de ser un partido de intelectuais e mobilizar ao povo e pelexar pola vitoria, como fixo nos últimos días desta campaña. 

Mesmo con estes atrancos todo fai pensar que se producirá un moderado xiro á esquerda no social e democrático, un maior achegamento aos países latinoamericanos e ao BRICs. Porén seguirá forte a oposición de dereita respecto das reivindicacións da clase traballadora, e en todo o relativo aos servizos públicos básicos. Até onde chegará o cambio? Dependerá moito da mobilización sindical e social, de evitar a fragmentación e unir detrás de obxectivos moi sentidos e atinxíbeis nesta etapa. Deuse un paso adiante (no institucional) con limitacións polos compromisos con sectores neoliberais, nun contexto de avance da dereita en Europa e Estados Unidos, cunha esquerda internacional moi fragmentada, sen obxectivos e unha folla de ruta transformadora clara, e nunha conxuntura de álxida disputa entre potencias.... Transformar a prol do povo nunca foi sinxelo, mais pódese facer.

Te puede interesar