Opinión

Brasil vai virar á esquerda


O vindeiro 2 de outubro vanse realizar eleccións no Brasil, unha das potencias máis relevantes, tanto pola súa gran dimensión xeográfica, máis de 8.500 mil quilómetros cadrados e gran riqueza natural, como pola sua povoación, máis de 210 millóns de persoas. Tamén destaca polo seu PIB (en PPA) de 3.680 mil millóns de dólares, ou sexa, a 9ª economía do mundo. Por riba de Francia, Italia, Turquía, México, Corea do Sur... A súa balanza comercial é positiva tendo como principais exportacións: alimentos, recursos minerais e petróleo,... o seu primeiro socio é China (32% das exportacións) e despois Estados Unidos (10,3%)... Polo tanto ten a súa lóxica que Jair Bolsonaro se mantivese no BRICS, pra alén das súas preferencias políticas, máxime cando esta organización se centra exclusivamente nas cuestións de desenvolvemento con criterios multilaterais. 

Mais, Brasil, como o resto dos países do mundo, vai ter que confrontar un momento difícil no económico e social. Unha crise que se iniciou coa pandemia do covid-19 e se reforzou neste último ano co efecto búmerang das sancións impostas a Rusia, pola súa intervención na Ucraína, por parte da UE/OTAN/G-7. Inciden cada vez máis pola interconexión forzada pola globalización neoliberal, e que estas sancións se suman ás tomadas contra moitos outros países (Siria, Libia, China, Venezuela, Cuba, etc.) Agora ben, non se trata só de que a evolución sexa negativa, senón ademais con que intensidade se reparte esta carga en cada clase social e en cada territorio; ao que se suman temas tan importantes como a defensa do ecosistema, a democracia, a igualdade, a cuestión racial e de xénero, etc. 

Segundo o sociólogo brasileiro Ricardo Antunes, que ten publicado numerosos libros sobre o mundo do traballo: “O que vivimos, pois, nesta primeira metade do goberno de Bolsonaro pódese resumir así: desmantelamento abrumador da lexislación social que protexe o traballo; destrución da política de seguridade social, coa aprobación da Reforma das Pensións Públicas -de feito a súa destrución- aprobada o 22 de outubro de 2019, na que os asalariados máis pobres quedaban excluídos dunha pensión pública efectiva, deixándoos como máximo, nun estado vergonzoso” (artigo: “Brasil dos años de mal gobierno”). 

Un estudo da Pontificia Universidade Católica de Rio Grande do Sul (PUCRS) salienta un aumento de 3,8 millóns de persoas en situación de pobreza o ano pasado con respecto a 2020. Un total de 19,8 millóns de persoas en situación de pobreza nas grandes cidades brasileiras que representan o 23,7% de toda a povoación que vive nelas. Un de cada catro habitantes. Así mesmo, as persoas en situación de pobreza extrema nas rexións metropolitanas de Brasil atinxiu as 5,3 millóns, o que equivale ao 6,3% dos habitantes, e supón un medre de 1,6 millóns con respecto a 2020. 

Sen dúbida Bolsonaro conta aínda cun importante celeiro de votos entre os “evanxélicos” (unha fracción considerábel xa se inclina por Lula) así como en sectores do exército e policía, alta e media burguesía, e no sureste do Brasil (a zona con maior PIB por persoa). Agora ben, a medida que se foi desenvolvendo a campaña, sumado á alianza con sectores moderados representados pola súa proposta de AlcKmin como vicepresidente, a distancias con Bolsonaro fóronse ampliando. De tal xeito que as últimas enquisas danlle a Lula un 47% da intención de voto fronte a un 31% de Bolsonaro. Hainas tamén algunhas que marcan unha distancia moito menor (do 44% contra un 35%). Ou sexa só un 9% de diferencia, polo que habería unha segunda volta, e dependería das alianzas cos candidatos menos votados. Mais a realidade social e o contexto reforzan a idea de que o presidente vaise decidir en primeira volta, e será “Lula” da Silva. Brasil vira á esquerda. Canto?...

Te puede interesar