Opinión

Brasil vivirá a esquerda?

As eleccións de outubro en Brasil son fundamentais pra o futuro dese país, xa que se gaña Fernando Haddad daríase unha viraxe á esquerda. Ademais fortalecería esta tendencia no resto de América Latina, xa que se sumaria ao triunfo de López Obrador en México. Estas son as dúas maiores economías ao sur dos Estados Unidos no continente. Mesmo así,  haberá que ver até que punto esta mudanza pode modificar o illamento de Venezuela, e as próximas eleccións na Arxentina. Máxime cando hai tantos países na área governados pola dereita, que aceptan sen contestación un carácter subalterno respecto das grandes potencias, e a actitude de Washington é tan agresiva. 

Agora ben, todo amosa que o triunfo do candidato do Partido do Traballo non vai ser doado, xa que ten en contra os grandes grupos económicos, sectores confesionais, e mandos do exército fixeron explicita a súa oposición a Lula. Unha actitude que todo indica se estende a calquera candidato do partido, máxime cando vai en alianza co PCdoB (a candidata a vice-presidenta é deste partido: Manuela d’Vila). A decisión xudicial impedindo que Lula sexa candidato é sen dúbida un pau ás aspiracións democráticas, especialmente cando contrasta coas esixencias de numerosos organismos internacionais que pedían a súa liberación. Unha postura do poder, que ademais de manter os atrancos pra que Haddad chegue á segunda volta, tamén implica a utilización de todo tipo de artimañas pra evitar o triunfo de forzas progresistas. Asemade evidencia que o golpe institucional contra Dilma non foi unha unha decisión táctica, senón que se trata dunha estratexia. A diferencia fundamental está en que hoxe ten moito menos apoio que naquel intre. O discurso prefabricado dos grandes medios perdeu eficacia, como consecuencia da corrupción do governo de Temer, dos retrocesos sociais e das dificultadas da economía. 
Segundo varias enquisas Jair Bolsonaro, ex-militar, e representante da ultra-dereita, e que predica posturas violentas contra a esquerda, estaría en primeiro lugar cun 28% de apoios. A porcentaxe máis alta que acadou até agora, favorecido pola eliminación de Lula (que tiña un 39% de apoio), e polo acoitelamento que sufriu nun acto da campaña (acción condenada por todos os partidos). En segundo lugar está Haddad cun 16%, e moi perto del, Ciro Gomes do Partido Democrático do Traballo cun 13%. Todo reflicte que haberá unha segunda volta, e que dado que é constante o medre nas enquisas do novo candidato do PT, a presidente da República, non hai razón pra pensar que nas semanas que restan até a primeira volta das eleccións, o día 7 de outubro, non siga a subir. 

O sociólogo brasileiro Emir Sader, nun recente artigo, valora que: “O escenario móstrase moi favorábel a unha vitoria de Fernando Haddad nas eleccións de outubro, facendo con que o PT volva ao governo de Brasil. De confirmarse esta posibilidade, o novo governo terá que enfrontar unha pesada herdanza, marcada pola recesión económica e o desemprego, e o desmantelamento do Estado, tanto no patrimonio, como nos recursos prás políticas públicas. A débeda acumulada polo governo de Temer é xigantesca, os desempregados son ao redor de 27 millóns de persoas, os recursos pra políticas sociais están conxelados por 20 anos” (http://www.portalalba.org/). Sader destaca asemade que algunhas enquisas xa colocan a Haddad por riba de Bolsonaro, e que Ciro Gomes manifestou que o candidato do PT contaría co seu apoio en segunda volta, o 28 de outubro. 

Esperemos que Brasil volva a realizar políticas suficientes de protección aos máis pobres, que fortaleza o grupo dos BRICS, e que se atreva nesta ocasión a nacionalizar os sectores estratéxicos, a distribuír e dignificar o traballo, e a dar o protagonismo que lles corresponde á maioría social. 

Te puede interesar